CRTVG

Buscar

Os almorzos

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia

04/09/2017 - 08:21 h
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia

Na apertura da nova temporada do 'Galicia por diante' pasou polos micrófonos da Radio Galega o vicepresidente da Xunta para abordar o inicio do curso político. Alfonso Rueda destacou como tarefa máis inmediata do Goberno galego a elaboración do proxecto de orzamentos para o ano próximo e tamén o debate sobre o estado da autonomía, previsto para o mes que vén.

De cara ao novo período de sesións no Pazo do Hórreo, o vicepresidente amosa a vontade do grupo popular para chegar a acordos en temas fundamentais para Galicia e sinala como prioridade seguir traballando polo "crecemento económico e a saída da crise". Alfonso Rueda agarda que a situación que se vive en Cataluña non afecte a vida parlamentaria en Galicia e neste sentido chama os partidos da oposición a "non trasladar á nosa comunidade a tensión derivada do conflito soberanista".

Nas relacións co Goberno central, o vicepresidente galego subliña a importancia das negociacións do novo sistema de financiamento autonómico, no que insiste en que o Estado debe ter en conta novos criterios para a repartición de fondos, como o avellentamento ou a dispersión da poboación, que beneficiarían a Galicia. Rueda afirmou que "agora mesmo o sistema podía ser máis xusto".

Na entrevista dos Almorzos do 'Galicia por diante' Rueda tamén se referiu á situación interna do PSdeG, inmerso nun proceso de primarias. Dixo que sería conveniente que escollese canto antes o seu novo secretario xeral para poder ter un interlocutor porque "dende hai meses no PSdeG non se sabe con quen falar" e "nin os propios militantes saben dicir quen manda no partido". Tamén tivo palabras para o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, para cuestionar o seu liderado dentro da formación.

Alfonso Rueda tamén lles afeou aos partidos da oposición o seu intento por desgastar o presidente do Goberno e o Partido Popular a conta dos casos de corrupción. Segundo dixo, "estalles saíndo o tiro pola culata" tras valorar as últimas comparecencias de Mariano Rajoy en sede xudicial e no Congreso, das que considera que Rajoy "saíu airoso".

O responsable do PP na provincia de Pontevedra xa fixa a ollada nas eleccións municipais de 2019, para as que avanzou que os populares preparan unha "fonda renovación". Explicou que están nunha fase interna de "mirar cara a dentro" e que o ano que vén será cando se vaian coñecendo os nomes dos candidatos. Iso si, adiantou que a líder do PP en Vigo, Elena Muñoz, apunta a ser a candidata na cidade olívica.

Sobre a proposta de Ciudadanos para limitar a dous o número de mandatos, Alfonso Rueda admite que o debate está enriba da mesa, pero advirte de que non sería lícito tomar esta medida "como maneira de derrotar os que son imposibles de vencer nas urnas"

E falando de mandatos, o vicepresidente galego non pecha a porta a que Alberto Núñez Feijóo repita como candidato e continúe á fronte da Xunta outra lexislatura máis. Dixo que falarán diso no partido cando chegue o momento, pero recoñece que a el lle gustaría.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí