CRTVG

Buscar

Os almorzos

Alejandro Lamas, vicepresidente do Clúster das TIC de Galicia

27/09/2017 - 08:19 h
Alejandro Lamas, vicepresidente do Clúster das TIC de Galicia

O vicepresidente das empresas relacionadas coas tecnoloxías da información e das comunicacións, Alejandro Lamas, queixouse na Radio Galega da falta de persoal cualificado en Galicia e destacou que o mercado necesita máis informáticos e máis expertos en telecomunicacións.

"Un dos problemas que estamos atopando como sector é a falta de persoal cualificado. É unha tendencia que comezou a facerse un pouco máis grave hai dous anos. As expectativas son que a demanda de profesionais no ámbito tecnolóxico vai aumentar enormemente nos anos vindeiros".

"Non é un problema que imos atopar dentro dun certo tempo. É un problema actual. Hai pouco estabamos varias persoas no clúster sumando as demandas de postos que tiñamos por cubrir nas nosas empresas e saíannos preto das cen, con moi poucas empresas que estamos alí presentes".

"O principal problema é que non hai xente. Non hai xente actualmente no mercado, co cal o que estamos intentando como sector é ver como poder minimizar este problema, aínda que non é algo sinxelo".

"Cada unha das facultades e das escolas cada ano lanza a súa promoción, pero, practicamente no momento de saír, o mercado xa ten a capacidade de absorber toda esa cantidade de xente que sae formada. E aínda así non é suficiente, co cal aí o que hai que ver son métodos alternativos".

"Loxicamente non poden pasar exclusivamente pola ampliación do número de persoas que poden estar cada ano nas escolas informáticas, nas facultades, por un simple tema loxístico, e por prazos tamén, porque a variación de cupos non é algo inmediato. Moitas veces pola propia infraestrutura e temas loxísticos faise imposible".

"Hai que pensar mecanismos alternativos. Pode ser a reciclaxe de persoas que teñen unha precualificación que, ao mellor, o que necesitan é algún tipo de formación ponte desde, por exemplo, carreiras que no seu momento si que foron amplamente demandadas e que agora non teñen esa demanda".

"Aí detectamos que hai moita xente que está buscando traballo. Un dos mecanismos pode ser directamente buscar formación paralela que permita ter un grao mínimo de cualificación que cumpra coas necesidades do mercado".

"Tamén podemos tentar que as prácticas que poidan ser na empresa se realicen desde unha etapa máis temperá. Con isto non estamos minimizando o problema en números absolutos, pero si o que estamos facendo é diminuír o tempo no que unha persoa pode estar prestando o servizo. Se se poden compaxinar máis nos últimos anos de carreira aspectos formativos regrados coa formación en empresas, si se pode minimizar ese tempo".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí