CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Teño o ánimo e a ilusión para continuar"

12/10/2017 - 08:23 h

O rexedor ourensán amosou na entrevista dos Almorzos do Galicia por Diante a súa predisposición a repetir como candidato do Partido Popular á alcaldía de Ourense nas eleccións municipais de maio de 2019. Jesús Vázquez asegurou que ten "ilusión e ánimo" para seguir gobernando a cidade e precisou que "quedan moitos proxectos en marcha, queda moito por facer". Con todo, o alcalde ourensán recoñece que a súa candidatura depende da dirección do partido, á que lle corresponde designar os candidatos en cada cidade.
    En clave municipal, Jesús Vázquez defendeu a súa xestión como alcalde e dixo que a cidade "está mellor agora que hai 3 anos". Entre os proxectos en marcha subliñou "que o centro interxeracional está a piques de abrir" ou que "xa se abriu o propio hospital coa urbanización dos arredores". Tamén avanzou que o próximo mes comezará a funcionar o centro de saúde de O Couto e que antes de que remate o ano  tamén estará listo o albergue de peregrinos. Ademais sinalou que "se están rematando as obras da biblioteca pública nacional e do arquivo histórico provincial".
   Sobre o último pleno municipal, que rematou co abandono dos concelleiros de Ourense en Común e do PSOE, o rexedor dixo que estes dous grupos acudiron á sesión con "predisposicion a buscar o enfrontamento e con intención" de facer o que fixeron. Jesús Vázquez cre que  na orde do día dese pleno había asuntos en materia social que lles resultaban incómodos tanto a Ourense en Común como ó PSOE, e que "antes de votar en contra" das propostas do goberno municipal "preferiron marchar".
  Finalmente, o alcalde ourensán referiuse ás medidas que puxo en marcha o luns o concello para aforrar auga, entre elas reducir o consumo nas fontes ornamentais, no rego de xardíns e no baldeo das rúas. Vázquez lembrou que, a maiores, o consistorio e a empresa que xestiona a auga, Viaqua, iniciaron unha campaña de concienciación pola que están distribuíndo entre os veciños uns folletos con recomendacións para aforrar auga nas casas. Engadiu que se "están dando pasos" para sensibilizar sobre o uso razoable da auga, pero lamentou que "segue existindo a idea de que a auga en Galicia sobra e que é un ben infinito".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí