CRTVG

Buscar

Os almorzos

"A telenovela de En Marea está resultando do máis entretida"

07/05/2018 - 08:21 h

O secretario de Organización do PPdeG, Alberto Pazos, dálle a benvida ao Parlamento de Galicia á deputada de Podemos Julia Torregrosa, que toma posesión hoxe do seu cargo tras un torrente de renuncias vivido en En Marea a raíz do caso Quinteiro.

A finais de mes, as bases decidirán se a deputada Paula Quinteiro debe ou non dimitir tras verse envolta nun altercado coa Policía Local de Santiago. Pouco despois, o deputado Juan Merlo renunciou á súa acta despois de que saíse á luz pública que inflara o seu currículo. Tomoulle a remuda o parlamentario Xoán Hermida, que decidiu poñerse a un lado sen tomar posesión da acta despois de protagonizar un incidente coas forzas da orde. A súa acta recae agora na deputada de Podemos Julia Torregrosa, que entra hoxe no Parlamento, malia que a comezos de ano un coche ao seu nome e sen asegurar se viu envolto nun accidente de tráfico con feridos. Nos Almorzos, o secretario de Organización do PPdeG apuntaba:

Visto o espectáculo penoso que está dando En Marea, non estou seguro de que nos dure moito a súa presenza na cámara. A telenovela de En Marea está resultando do máis entretida

Na entrevista, Pazos criticou que a dirección de En Marea non tome medidas de inmediato:

En En Marea están empeñados en que as cuestións éticas se sometan a votación. Eu espero que non nos dean un espectáculo de meses. Xa que van facer unha consulta para solucionar o caso Quinteiro, tamén podían preguntarlles ás bases se é grave ou non que un responsable público poida ir por aí co coche sen asegurar

O secretario de Organización do PPdeG non entende por que non se consultou ás bases para analizar o caso do deputado Juan Merlo.

En Marea deixou de ser un partido instrumental e converteuse nunha tapadeira das ambicións persoais dun grupo de persoas que teñen máis posibilidades de conseguir un asento concorrendo xuntas a unhas eleccións

Na entrevista, Alberto Pazos referiuse aos colapsos sufridos esta fin de semana na autoestrada AP-9 debido ás obras de ampliación da ponte de Rande. A el os atascos collérono en Cangas.

Entendemos que as obras complementarias de Rande poden causar prexuízos; o que non entendemos é que non se tomen medidas para minimizar eses prexuízos aos usuarios. Nós estamos a favor de que se faga un seguimento para ver como se están realizando obras complementarias da ponte de Rande e, no caso de que haxa motivo para impulsar algún tipo de sanción, que se faga

O secretario de Organización do PPdeG defende a transferencia a Galicia da autoestrada AP-9. Asegura que "estaría mellor xestionada dende Galicia" e defende o levantamento do veto por parte do Goberno central.

Gustaríame que desaparecesen esas imposibilidades e que puidésemos debater o modo idóneo de xestionar a AP-9 no futuro

O secretario de Organización do PPdeG afirma que Galicia está ben tratada por parte do Ministerio de Fomento, pero defende seguir sendo "esixentes e pedir o que cremos que a Galicia lle corresponde".  Está convencido de que "o que se reflectiu no papel terá un reflexo na realidade".

A un ano das eleccións municipais, Alberto Pazos non se atreve a dar unha data para a presentación das candidaturas do PPdeG.

Iremos facéndoo segundo concorran as circunstancias. A nós vainos moi ben como fixemos ata agora

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí