CRTVG

Buscar

Os almorzos

Alberto Nadal, secretario de Estado de Orzamentos

14/07/2017 - 09:30 h
Alberto Nadal, secretario de Estado de Orzamentos

O secretario de Estado de Orzamentos, Alberto Nadal, defendeu hoxe nos Almorzos do 'Galicia por diante' que a recuperación está a medio camiño, despois dunha crise moi profunda.

"Estamos pasando a crise. A crise foi moi moi profunda. Destruíronse 3,5 millóns de postos de traballo. Estivemos á piques de ser rescatados e tivemos que realizar un programa de medidas de política económica como nunca se realizaron na democracia española".

"Isto empezou a dar resultados no ano 2014, cando empezamos a ter os primeiros datos de crecemento positivo e 2017 vai ser o terceiro ano consecutivo. Vai crecer por riba do 3 por cento. Pero a taxa de paro é moi alta. Só acabamos de recuperar o nivel de renda que tiñamos no 2007. Eu diría que estamos á metade do camiño. Aínda nos falta por percorrer un treito tan longo como o que percorremos. Pero empezarán a notarse os efectos das medidas de política económica e da recuperación".

"Está aumentando a contratación indefinida e e noutros casos está aumentando a contratación temporal. Pero é que tiñamos unha destrución de desemprego masiva. É que alcanzaramos niveis de desemprego absolutamente intolerables. Agora, pouco a pouco, o que imos facendo é ir recuperando eses traballadores".

"A medida que vaia asentándose a recuperación, a medida que se vaia consolidando, cada vez o emprego será maior e de maior calidade, e tamén irán subindo pouco a pouco, de forma compatible coa competitividade, os salarios e as rendas do traballo".

"Tiñamos o doente en estado crítico e a punto de morrer. Operámolo de urxencia, logo pasou á UCI, agora témolo en planta ou xa o mandamos para a casa e dá pasiños. E dentro duns anos xa incluso poderá correr un maratón. Pero imos pouco a pouco (...) tivemos que quitarlle un ril pero démoslle a vida".

O secretario de Estado tamén explicou na entrevista que o obxectivo principal dos orzamentos do ano 2018 será o gasto social, especialmente para as pensións e para a dependencia. Ademais, reiterou que haberá cinco mil millóns de euros para que as autonomías poidan investilo, principalmente, na sanidade e na educación.

Nadal, que indicou que "a Xunta de Galicia fixo os deberes moi ben", destacou que é "das que mellor cumpre e por iso ten a confianza dos investidores e das empresas".

Nadal, aínda que matizou que non é un asunto do seu departamento, senón do Ministerio de Fomento, prometeu "todo o apoio financeiro que poidamos" para as obras do AVE da Galicia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí