CRTVG

Buscar

Os almorzos

Agustín Fernández Paz, escritor galardoado co Premio Trasalba

09/05/2014 - 09:21 h
Agustín Fernández Paz, escritor galardoado co Premio Trasalba

O autor, que estes días presenta un novo libro, "A viaxe de Gagarin", recibirá o galardón concedido pola Fundación Otero Pedrayo o último domingo de xuño.

Hoxe foi o protagonista dos "Almorzos do Galicia por diante" da Radio Galega, dirixidos por Kiko Novoa. Fernández Paz dixo estar agradecido polo recoñecemento que lle fai a Fundación e que, na súa opinión, recibe como representante dunha xeración de escritores que se adentraron na literatura infantil e xuvenil nos anos 80 en Galicia.

Estes días está a presentar tamén o seu último libro, "A viaxe de Gagarin", publicado por Xerais. Unha novela que cualifica como "fronteiriza" entre a literatura xuvenil e a de adultos. 

"A viaxe de Gagarin" repasa o fito histórico do cosmonauta ruso ao tempo que revisa a historia da súa xeración na adolescencia, "cando toda unha xeración nos fixemos homes e mulleres". Asegura que é unha historia "de culpa e redención"

O autor lembra a década dos sesenta, na que se ambienta o libro, como "unha estafa" no sentido de medrar nun contexto de escasas liberdades no que cuestións como ver determinado cine ou ler determinados libros estaba vetado.

"Os autores prohibidos eran lexión", di Fernández Paz, "e podo dicir que ese sentimento de estafa é así tamén por exemplo coa presión moral que se vivía na época".

Acompañando esta última novela, Agustín Fernández Paz abriu un blog no que dá saída á inxente cantidade de documentación que manexou para a escrita. "Pasei máis horas documentándome que escribindo", asegura. Deste xeito, independentemente da novela, no blog todas as persoas que queiran poden achegarse ao que foron os anos sesenta.

De cara ao futuro o escritor adiantou que o seu próximo traballo será unha colección de relatos de medo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí