CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O cambio climático provocará cambios de tempo cada vez máis bruscos"

27/04/2018 - 08:23 h

Nos 'Almorzos do Galicia por diante', Francisco Infante alertou sobre as consecuencias do quecemento do planeta. Galicia notará nos próximos decenios unha suba considerable das temperaturas. "Haberá períodos de seca máis longos que alternarán con outros de chuvia intensa, aínda que de menor duración".

O delegado da Aemet en Galicia atribuíu o cambio climático á acción do ser humano. "Non estamos ante un cambio do clima. O cambio é de orixe antropoxénica; é responsabilidade do ser humano". Francisco Infante explicou que tanto a Administración central como as autonómicas teñen plans para abordar as consecuencias do cambio climático de aquí ao final de século e paliar os efectos dos gases invernadoiro.

O delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía alerta de fenómenos adversos, como os que se produciron nos últimos meses. "Houbo unha sucesión de borrascas atlánticas fortes que normalmente afectan a zonas situadas máis ao norte; de aí as situacións de alerta laranxa. Convén estar preparados porque poden repetirse". Vaticinou, ademais, que de aquí a final de século aumentará o nivel do mar.

Francisco Infante cualificou de "moi fiables" os prognósticos que a axencia estatal realiza ata cunha semana de antelación. "A mellora experimentada nos últimos vinte anos foi moi importante, grazas, sobre todo, aos avances tecnolóxicos".

O convidado dos 'Almorzos' da Radio Galega agradeceu o traballo das cento vinte persoas que colaboran coa Axencia Estatal de Meteoroloxía dende diferentes puntos de Galicia. "Temos unha rede de persoas afeccionadas á meteoroloxía que diariamente recollen as medidas de precipitacións e temperaturas e nolas facilitan. Nós non podemos chegar a todas as partes e agradecémoslles esa información".

Acerca do prognóstico do tempo para a fin de semana e a próxima ponte festiva, Francisco Infante di que será variable, con temperaturas algo máis baixas do normal. "Agárdanse intervalos anubrados, chuvascos, tempo primaveral, con temperaturas algo máis frescas que as propias destas datas. O martes 1 de maio será o día con mellor tempo desta ponte festiva".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí