CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Abrir un novo proceso constituínte paréceme un erro histórico"

06/12/2017 - 08:19 h

A profesora Nona Inés Vilariño, unha das 21 mulleres deputadas nas Cortes Constituíntes está en contra de abrir un novo proceso constituínte e considera que "habería imposibilidade absoluta de chegar a un acordo aceptable". Nos Almorzos do Galicia por Diante, a profesora si se amosou favorable a abordar reformas no texto constitucional. Entre as súas prioridades, destacou unha mellor definición das competencias das Comunidades Autónomas, a Lei de Sucesión á Coroa ou a reforma da xustiza, na que reclama cambios no xeito de escoller aos maxistrados que integran os principais órganos xudiciais.
Vilariño advertiu que calquera reforma da Carta Magna esixe "un proceso previo para poñernos de acordo no que queremos reformar, porque será extremadamente complexo". Á hora de aprobar estes cambios, considera que ten que haber un consenso dos principais partidos, pero "non sacralizo a unanimidade", dixo.
A profesora considera tamén que se precisa un cambio no financiamento autonómico sen perder de vista o principio de solidariedade. Cre que este asunto é un dos aspectos que afectan á integración territorial: "Penso que Cataluña está encaixada en España, pero pode haber un problema de financiamento".
Falou tamén Vilariño do que considera un déficit educativo en España, onde á mocidade "só se lles fala de dereitos e non se lles inculca do mesmo xeito a importancia do cumprimento das obrigas".
Apuntou ademais os avances que lle quedan por conquistar á muller na sociedade española. Cre que, dende o 77, houbo moitos avances pero "aínda hai treitos moi empinados". Reclamou, neste sentido, unha maior presenza das mulleres na vida política, nos organismos onde se toman as decisións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí