CRTVG

Buscar

Os almorzos

"A comisión de estudo dos incendios nace xa coxa"

28/12/2017 - 08:23 h

A deputada socialista Concepción Burgo culpa o PP de que a comisión especial sobre os incendios que bota a andar no Parlamento galego empece sen consenso. Onte aprobouse o plan de traballo da comisión co voto en contra dos grupos da oposición. Burgo explicou nos Almorzos da Radio Galega que "a comisión de estudo dos incendios nace xa coxa. O Goberno debera acudir a ela a render contas, explicar o que fixo durante a vaga de lume, non ten sentido, por exemplo, que non estea o vicepresidente Rueda, porque del dependen as urxencias en Galicia". Burgo asegura que "as cousas empezan mal por culpa do PP, non ten vontade para chegar a acordos, demostrouno tamén na aprobación dos orzamentos cando rexeitou as máis de mil emendas que presentou a oposición. Iso indica que non hai vontade no PP de escoitar a oposición".

Falou tamén Burgo da xuntanza que tiveron onte o presidente da Xunta mais o secretario xeral do PSdeG: "Parece que Alberto Núñez Feijóo tivo moita alegría  por falar con Gonzalo Caballero, pero hai que diferenciar entre cando che dan unha palmadiña para que avances ou para que tropeces. Na miña opinión, as loanzas de Feijóo a Caballero son interesadas". Engade a deputada que "por suposto que os socialistas sempre estamos abertos aos pactos e ao entendemento co PP se é bo para a cidadanía, como é o caso do financiamento autónomico, onde lle tendemos a man ao presidente, pero Feijóo ten que pensar que aos acordos chégase pactando, non impoñendo nada. O PP asume os pactos como imposición, sempre está presente no Parlamento o rodete do PP".

En clave de partido, Concepción Burgo destaca que "o PSOE neste 2017 normalizou a súa situación coa elección de secretario xeral en Galicia e tamén en España. É unha reorganización do partido necesaria para servir á cidadanía". Asegura que en Galicia, "todos estamos remando na mesma dirección que o secretario xeral, Gonzalo Caballero, que non ten outro obxectivo máis que facer medra-lo partido e armalo ben de cara ás eleccións". Di Concepción Burgo que ela é partidaria de que o secretario xeral do partido sexa tamén o candidato á Xunta, "ten que haber unhas eleccións para saber se Caballero será o candidato á presidencia da Xunta. Estou segura de que sería un bo candidato como no seu día o sería Besteiro, pero persoalmente penso que o candidato debería ser sempre o secretario xeral, unha bicefalia non axuda a nada, é a miña opinión, pero debe opinar o conxunto do partido".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí