CRTVG

Buscar

Os almorzos

"A burocracia en Galicia é un auténtico lastre"

02/05/2018 - 08:22 h

O subdirector do Foro Económico de Galicia, Patricio Sánchez, afirma que a burocracia que as administracións lles esixen ás empreas é cada vez maior, e iso supón un grave lastre para a actividade diaria das compañías e, polo tanto, para o crecemento da economía.

"A burocracia é unha teima que temos nós no Foro porque non supón unha gran muda estrutural na actividade económica. En todos os sitios a onde imos, en todo o que observamos, o tema da burocracia en Galicia é un auténtico lastre, nomeadamente co sector público, para a trama empresarial".

"Está a exercer de barreira de crecemento. En moitas ocasións, non se emprenden iniciativas moi interesantes por algo tan sinxelo, e á vez tan complexo, como son os trámites burocráticos. Lonxe de diminuír, estanse a incrementar".

"É posible solucionalo. Témolo doado porque o caso dos veciños portugueses é un claro exemplo neste aspecto. O avance na redución da burocracia e na dixitalización en Portugal é asombroso. E por iso nos están tomando vantaxe nesta partida".

"O primeiro é asumir que o aumento da burocracia é un auténtico problema. Aquí non está asumido. En Portugal é o primeiro que tiveron claro desde o comezo da crise".


"Agora, comparado con hai dous, tres ou catro anos, todas as empresas din que a burocracia é máis complexa. Isto non pode ser. Ten que ser xusto o contrario. Ás iniciativas téñenlles que dar resposta nun prazo cada vez máis curto. Non pode ser que para un proxecto haxa que acudir a diferentes interlocutores e estar pendente de distintas respostas. Non pode ser".

O subdirector do Foro Económico tamén destacou a boa evolución da macroeconomía en Galicia, como reflicten os seus indicadores ata o mes de febreiro, publicados o luns. Destaca, especialmente a boa evolución das exportacións.

"As exportacións aumentan especialmente en catro sectores: automoción, téxtil, alimentos e bens de consumo. Esa concentración si sería un pouco de problema. Seguen tirando moi ben e os comportamentos e taxas interanuais están sendo moi favorables. Se a iso lle engadimos tamén o sector da vivenda, que empeza a ter un comportamento positivo, chegamos a esta situación".

"Un dos problemas que temos coas exportacións é que están moi concentradas no mercado europeo. Case tres cuartas partes do que exportamos vai a eses países. Non é bo concentrar tanto porque corremos riscos de que, se hai problemas, nos afecte. Cara a onde hai que diversificar? Pois cara aos mercados que serían máis propicios, con maior potencia e tamén con maiores afinidades. Por iso, o exemplo de Iberoamérica é o exemplo máis claro".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí