CRTVG

Buscar

Entrevistas

"O PP en España ten un problema de discurso. Ten que ser capaz de ilusionar cara ao futuro"

14/01/2018 - 14:10 h

O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegura no espazo A Entrevista da Radio Galega que o PP en España non ten un problema de comunicación, senón de "discurso".

É un problema máis ben de discurso e de saber que o discurso político non só ten que ser capaz de vender o que se está a facer e o que se fixo ben, senón que ten que ser capaz tamén de ilusionar cara ao futuro

A base do éxito do Partido Popular en Galicia radica en que  ademais de facer as cousas ben e saber afrontar problemas novos que xorden, mantemos un proxecto de futuro

Respecto de informacións xornalísticas que apuntan a que certo sector do PP en Madrid pide a presenza na política estatal de Alberto Núñez Feijóo, Puy considera "lóxico que as olladas se fixen na figura política de Alberto Núñez Feijóo". Non obstante, ante un eventual salto a Madrid do presidente da Xunta, o voceiro parlamentario descártaa e remítese ás afirmacións que o propio Núñez Feijóo ten realizado e que "o seu compromiso é rematar a lexislatura". No que atinxe ás enquisas que nos últimos tempos apuntan a un lanzamento de Ciudadanos en España, mesmo por diante de PP e PSOE, Pedro Puy fala de que "as enquisas dan mostra da volatilidade na opinión dos cidadáns" non só en intención de voto, senón noutros aspectos. Dito isto, o deputado galego apunta que "o PP debe tomar nota sobre certas tendencias que se ven ao longo do tempo en determinadas enquisas". Recoñece que o Partido Popular está nunha "situación complicada" porque "non é fácil gobernar" cunha maioría minoritaria. 
No que atinxe a Galicia e as posibilidades de Ciudadanos, Puy fala de "oco máis reducido" aínda que recomenda á súa formación "estar alerta".

De cara ás municipais e o posible salto de conselleiros ou conselleiras como candidatos a eses comicios, Pedro Puy admite que "é posible que haxa algunha renovación como consecuencia desas decisións que tomará o partido no seu momento".

Noutro tema de actualidade, a reforma do financiamento autonómico, o voceiro parlamentario do PPdeG difire do formulado por outros líderes do seu partido. Na Radio Galega, Pedro Puy  amósase favorable a abordar xa esa reforma aínda que o problema catalán non estea resolto.

Programa de entrevistas