Entrevistas
"Se nós puidésemos derrubar no execicio 2018 o Garañón, non se preocupe que por unha cuestión de orzamentos non ía ser"
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanza na Radio Galega a súa intención de executar a sentenza do Garañón este memo ano coa derruba desta edificación se lle é posible. Na Entrevista, Méndez dixo que se pode facer malia que non exista unha partida orzamentaria concreta nos orzamentos deste ano.
Se nós puidésemos derrubar no exercicio 2018 o Garañón, non se preocupe que por unha cuestión de orzamentos non ía ser
No que atinxe a se a derruba será total ou parcial, a alcaldesa di que o descoñece. Argumenta que "o promotor ten dereitos adquiridos" e sitúa a pelota no tellado da "Consellería de Cultura, de Patrimonio", quen será quen decida como será esa derruba. Insiste en que son "preceptivos" os informes de Cultura.
Na conversa, a rexedora lucense tamén falou dos orzamentos da cidade, que quedaron aprobados esta fin de semana de xeito automático xa que, unha vez transcorrido o prazo tras perder unha cuestión de confianza vinculada ás contas, ninguén presentou moción de censura ningunha.
Preguntada por se non descarta un acordo de goberno nas próximas datas para terminar o que resta de mandato, Méndez insistiu na súa vontade de diálogo ao afirmar que "sempre tendimos a man e imos seguir facéndoo" porque "Lugo é o prioritario". Acto seguido, e tras asegurar que hai que ter altura de miras, pediulle esa "altura de miras á oposición". De feito afeoulles ós grupos da oposición ter levado propostas para que "logo voten en contra do orzamento". Mesmo dixo que a veces "a oposición acusa unha certa bisoñez".
De cara ao futuro, a alcaldesa socialista non agochou as súas ganas por volver ser candidata á alcaldía en 2019 porque lle gustaría "terminar os proxectos actuais, ver o resultados". Non obstante, di descoñecer se a súa actual condición de investigada por un suposto delito de malversación a raíz dunha denuncia presentada polo CSIF por un suposto atraso na execución dunha sentenza en materia de persoal pode afectar á súa actividade política. O que si asegurou é que "en absoluto" lle preocupa o seu futuro porque "se non, non me tería presentado". A alcaldesa asegura que ela xa dixo, "vinculado aos orzamentos", que ten claro que "entre o meu cargo e a cidade, eu escollo Lugo".
Seguirei traballando por Lugo independentemente das imputacións que nos poidan xurdir a min e a outros membros da corporación
Noutro eido de asuntos, a alcaldesa considera a "intermodal" como unha necesidade para Lugo e incidiu en que é "a única cidade de Galicia" que non a ten nin sequera proxectada.
En clave orgánica, como xa fixera noutros procesos internos do PSdeG -como ela mesma lembrou-, evitou posicionarse sobre as súas preferencias para dirixir a agrupación socialista local.