Entrevistas
"Se os orzamentos non son aprobados pola vía do diálogo, sometereime a unha cuestión de confianza"
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, asegura no espazo A Entrevista da Radio Galega que os orzamentos da cidade se aprobarán por “activa ou por pasiva”. Cun “estou convencido de que se van aprobar”, Suárez argumentou a súa afirmación ao dicir que “se non son aprobados pola vía do diálogo, sometereime a unha cuestión de confianza”. Cuestión de confianza da que tamén se dixo seguro que “ningún portavoz municipal” a ano e medio das eleccións municipais vai dar o paso.
No que atinxe ao seu futuro político no Concello e se lle apetece repetir como candidato, Suárez -ademais de ao que decidan as bases- condiciona a súa decisión á reflexión que faga coa súa familia. Segundo o rexedor por Ferrol en Común, “repetir, desde logo nestas circunstancias actuáis si que é un sacrificio persoal que teño que meditar coa miña familia” e "coa perspectiva de que eu nunca tiven ambición de ser político profesional”. O que si ten claro Suárez é que “a pesar de todas as dificultades estar aquí é un privilexio”.
O alcalde ferrolán tamén tivo palabras para a súa compañeira de corporación e con quen asinara un pacto de goberno que rompeu antes de mediado o mandato, a socialista Beatriz Sestayo. Malia recoñercerlle valía profesional e asegurar que a el non lle corresponde dicir se Sestayo será ou non candidata do PSOE á alcaldía, Suárez chegou a asegurar “na miña opinión como cidadán, na cidade está máis que amortizada para encabezar unha lista”. Para o rexedor de Ferrol, que Sestayo encabece a candidatura socialista “non beneficiaría nin a ela nin ao Partido Socialista”. Nega que haxa problemas persoais con ela e simplemente os reduce a motivacións “políticas”. Para Suárez, a clave desa ruptura de goberno estivo en que o Partido Socialista “nunca asumiu a súa posición, quería copar outras esferas que non lle correspondían e iso dificultaba o labor de goberno, tiñamos a oposición dentro do mesmo goberno”.
Tamén tivo críticas para Carlos del Río, impulsor de Ferrol en Común, que acaba de deixar a formación e mesmo avanza a posibilidade de presentar unha nova. Suárez di que non comparte esta actitude malia respectala. Nesa liña, apunta que “calquera movemento de ruptura eu o podo respectar pero creo que é un erro as decisions políticas que toma”.
O alcalde de Ferrol fai autocrítica da situación de En Marea ao asegurar que tras converterse “na primeira forza da oposición, enseguida comezamos a esmorecer un pouco de éxito”. Acto seguido apuntou que a “figura de Luis Villares -que di respectar- pensabamos que podería servir de amalgama de todo este conxunto de intereses diversos (..) pero por desgraza o que máis transloce nos medios de comunicación son as nosas propias diferenzas internas máis alá dos proxectos políticos” pese aos esforzos do grupo parlamentario.
Por iso, apostou porque “recompoñer o espazo” e seguir o modelo das cidades. Sobre o papel de Villares como aglutinador, Suárez dixo que “está dando todo por conseguir ese reto, o que acontece é que algúns actores que non estaban no seu momento nos principios de En Marea volveron tomar posicións vinculados a Cerna e a algunha outra organización e un pouco enturbiaron todo o proceso”. Para Suárez, “a unidade popular non se constrúe a través da división”, “nin con continuos tiros no pé”. Non obstante exculpou a Villares de calquera responsabilidade por esta situación, para Suárez a culpa é do “conxunto de organizacións que non conseguen poñerse de acordo para darlle impulso definitivo a En Marea”.