Entrevistas
"O PP mantén negociacións en 4 concellos para a incorporación de partidos independentes"
O líder do PP na provincia da Coruña, Diego Calvo, desvelaba este domingo na Entrevista da Radio Galega que a formación ten abertas negociacións en 4 concellos para a incorporación de forzas independentes. Diego Calvo agarda que esas conversas se concreten antes do verán.
Temos a día de hoxe catro concellos en que intentaremos nas próximas datas, no próximo mes, a intención é antes do verán, esperamos non ter que esperar a despois do verán, poder falar de novas incorporacións en catro concellos máis
Fixémolo hai pouco, con Vimianzo, en Bergondo, en Santa Comba prácticamente está cerrado, en Padrón o fixemos hai xa meses. Seguimos traballando nesa liña e quedan varios nos que eu espero que nos próximos meses se concrete
Calvo admite que lle estrañaría que Javier Guerra pasase a Ciudadanos e quítalle ferro aos comentarios que poidan xurdir en relación a outros casos deste tipo.
Comentarios sempre hai, na política é habitual, a verdade nunca sabe un se son certos ou son intentos de 'estou aquí, non vos esquezades de min porque vou dicir que me andan chamando para irme a outro lado' e a ver se así me poño no mercado e vos acordades de min
O presidente do PP da Coruña desvela que aínda non está decidido se presentarán os candidatos ás municipais do ano que vén antes ou despois do verán. Sen confirmalos para liderar as listas na Coruña e Ferrol, si salienta que Beatriz Mato ou José Manuel Rey Varela "serían dúas estupendas cabezas de cartel". Diego Calvo marca como obxectivo recuperar o poder urbano perdido en 2015 na provincia e a propia Deputación. Ve "marxe" para conseguilo e denuncia que a chegada das mareas locais aos gobernos municipais foi "un cambio a peor". Fai deses executivos un balance "moi pobre".
Case podería dicir desastroso, porque viñeron dicindo unha serie de cousas que despois de tres anos se está comprobando que mentían e ademais facíano descaradamente e sabían que mentían. Estes días o exemplo da casa de Pablo Iglesias vén dicir todo iso. Dous anos antes dicía que era incrible a xente que compraba, que a min paréceme ben que cada un compre o que poida e viva como queira, pero dicían unha cousa e ao final fan a contraria e cando llo poñen sobre a mesa seguen mentindo pensando que todos somos parvos
Calvo tamén ve o Partido Socialista en "estado catatónico".
Os do PSOE non saben reaccionar e van acabar sendo unha sucursal como sigan polo mesmo camiño das mareas, porque realmente queren xogar con eles a ver quen é máis de esquerdas sen ter sentido de Estado. Creo que o Partido Socialista fixo unha deixación de funcións moi importante en Galicia, tamén a nivel nacional. Mentres siga por esa deriva e vexan as mareas como grande aliado deles e intenten imitalas sempre van estar amolados porque Podemos ou as mareas ou como se chamen sempre van a ser máis radicais do que pode ser o Partido Socialista
O tamén vicepresidente do Parlamento Galego percibe risco de fractura no grupo parlamentario de En Marea ao abeiro do caso de Paula Quinteiro: "O risco é evidente. Só hai que seguir os plenos para darse de conta". Di que é un problema que vén de vello porque "isto non é un grupo, é unha asociación de intereses que non funciona como grupo". E conclúe: "Hai problema dunha ruptura, dun grupo mixto? Pois si, si que o hai, só hai que mirar as caras".