CRTVG

Buscar

Entrevistas

"Despois da sentenza sería inescusable que as forzas políticas non foran capaces de poñerse de acordo para desaloxar o Partido Popular das institucións"

27/05/2018 - 14:54 h

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, considera "inescusable" que non prospere a moción de censura do PSOE contra o Goberno de Mariano Rajoy. Non obstante, no espazo A Entrevista da Radio Galega, Pontón apunta que sería "unha fraude" se só se limita a un cambio de nomes. 

A líder do BNG di que agarda "que esa moción  realmente sirva para esa necesaria rexeneración democrática" para logo engadir "que non podemos perder de vista que este é un debate que ten que ver moito con Galicia, a Gürtel nace no noso país, nace da man de Pablo Crespo, ex-secretario de Organización do Partido Popular en Galicia, man dereita de Fraga ao que Feijóo mantivo no consello de administración de Portos de Galicia e nunca nos deu explicacións convincentes de porqué o fixo". Motivo polo cal volveu reiterar a necesidade dunha comparecencia urxente do presidente da Xunta no Parlamento. 

Respecto á probabilidade de que a censura prospere, Pontón admite que o é un "escenario incerto con posibilidade de que esa moción de censura vaia adiante" e apuntou que o PSOE deu "un prazo de tempo razoable" para convocar eleccións. 

Eleccións municipais 

Cando falta un ano para as municipais, Ana Pontón di que o Bloque ten os “deberes feitos”. Conta ter para o 25 de xullo aos seus cabezas de cartel nas sete grandes cidades. Respecto  a nomes que soan nalgunhas cidades, caso do de Salustiano Mato en Vigo, Pontón non se pronuncia. O que si recoñece é que “hai moitas persoas que poderían estar” e de Mato di que “creo que Salustiano Mato é un home cunha traxectora moi recoñecida, que leva moitos anos sendo militante do BNG e participando con responsabilidades e demostrando que ten capacidade para liderar e que xestiona ben e que é unha persoa comprometida con este país”.  Con todo, lembrou que “no BNG é a militancia quen decide”. 

Sobre as enquisas, Pontón di que "hai que velas con moita distancia", sobre todo, porque "estamos a un ano das eleccións". Si se amosa “convencida” de que o BNG “vai entrar con forza nas cidades” e non soamente. Cre que vai “manter e ampliar espazo nas vindeiras municipais tanto nas cidades como noutros concellos” porque “somos unha organización seria”, apuntou. 

No que atinxe á alza que as sondaxes lle dan a Ciudadanos en Galicia, a voceira nacional do BNG asegura que lle "sorprende que os galegos e galegas vaian darlle a confianza a unha forza política que é a dereita da dereita", para a nacionalista, a formación laranxa ten un "proxecto demoledor con todo o que ten que ver coa pluralidade" e asegura que "non ten proxecto para este país". De feito díxose  convencida de que os galegos e as galegas non van optar por unha forza política como a liderada por Albert Rivera, cuxos discursos, remarcou, "recordan aos discursos de Primo de Rivera". 

A política nacionalista non entrou a avaliar a situación de En Marea a raíz do caso Paula Quinteiro porque non quere facer “oposición da oposición”, cousa que na súa opinión si fai o presidente da Xunta no Parlamento. Pontón aproveitou a conversa na Radio Galega para mandarlle unha mensaxe de solidariedade á Marea Atlántica tras o ataque á súa sede. “Condenamos calquera atentado ás instalacións de calquera forza política”, afirmou, ao tempo que dicía que “este tipo de actitudes violentas non teñen cabida nunha sociedade democrática”. Respecto ao desaloxo da Comandancia da Coruña, Pontón dixo que “é unha situación complexa onde non se resolveu ben nin se utilizaron as vías do diálogo que nós cremos que deberían de ser polas que se optasen e non pola represión, que insisto, creo que foi inxustificada”. 

Programa de entrevistas