Entrevistas
Rueda sobre a folga da xustiza: “Agardo que o luns sexamos capaces de chegar a un acordo”
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, expresa na Radio Galega o seu desexo de que mañá, na mesa de negociación cos sindicatos, se chegue a un acordo que poña fin á folga dos funcionarios de xustiza. No espazo A Entrevista, Rueda asegura que a Xunta acode á cita de mañá con “ánimo de chegar a un acordo” ao igual que nas citas anteriores. Exemplo desa vontade, exemplificou, foron as ofertas económicas propostas, “sempre á alza”. Nesa idea, lembrou a última oferta feita para dicir que “hai que poñela en valor” xa que sitúa por riba da media autonómica a remuneración dos funcionarios galegos. Por iso, segundo Rueda, “agardo que reflexionen sobre que se acadou o obxectivo e que o luns sexamos capaces de chegar a un acordo”. Tras insistir en que ese pacto “é moi necesario” e “cada vez máis”, o vicepresidente da Xunta tamén advertiu aos sindicatos que se a actitude é “ir á cifra máis alta ou poñer cifras absolutamente inasumibles” o acordo “vai ser imposible”.
Cando se nos piden cifras que están fóra de toda responsabilidade e de toda obxectividade, así vai ser imposible, nin con Rueda nin sen Rueda
Ao mesmo tempo, o tamén conselleiro de Xustiza destacou que “non queda moita máis marxe” de suba e ao fío das palabras do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Rueda dixo coincidir sobre a folga “en que os efectos están sendo malos e cada día que pasa máis”. Mesmo opina que hai servizos básicos que os cidadáns “deberían estar recibindo”, caso das inscricións nos rexistros, que non se están dando. Aínda que recoñece que o número de xuízos suspendidos a estas alturas son milleiros e aínda máis os procedementos administrativos, Rueda cuestiona que o número de xuízos afectados sexan os datos polos sindicatos por estatísticas anteriores.
De cara a un eventual desenlace da folga, o vicepresidente considera “necesario” articular un mecanismo para recuperar parte do traballo non feito na folga. “Na medida do posible haberá que recupéralo, haberá que facer un plan”, indicou Rueda sen concretar como. O que si deixou claro é que ese plan non será para que a xente que fixo folga recupere todos os cartos descontados. Aínda sobre a folga da xustiza, o vicepresidente recoñece que o “seguimento está sendo alto”, que é “lóxico” que diminúa algo conforme pasen os días pero que aínda así “é alto”.
O vicepresidente da Xunta admite que a eventual traslación á función pública autonómica dos acordos acadados entre sindicatos e Goberno no nivel estatal “van causar un impacto grande nos orzamentos da Xunta”. Segundo Rueda, ese traslado “haberá que velo” e lembra que “cada administración terá que pagar” a parte que lle corresponda. Amosouse cauteloso ao avogar porque primeiro entre en vigor e logo “veremos como se aplica na Xunta”. Labor da que se encargará, lembrou, a Consellería de Facenda e Función Pública.
Na fin de semana na que volveron rexistrarse mobilizacións dos pensionistas, o vicepresidente da Xunta admitiu preocupación polas mesmas. “Non lle vou ocultar que nos preocupan esas mobilizacións, son numerosas”, recoñeceu ao tempo que indicou que “hai decidida vontade do Goberno da nación” por atender esas reivindicacións. Mesmo apuntou que “hai que atender esa reivindicación, na miña opinión, xusta, dos pensionistas”.
Alfonso Rueda, que tamén é presidente do PP da provincia de Pontevedra, aposta porque o seu partido teña un ano antes das eleccións locais os candidatos escollidos. Segundo explicou, “canto máis tempo mellor, un ano sería un prazo razoable”. E amosouse seguro de que non van “esperar a que sexa moi preto as eleccións” porque “ mentres non hai candidatos non hai programas”. Para Rueda, “vamos intentar non improvisar” e “temos que saír como partidos de goberno”.
Respecto ás enquisas e partidos como Ciudadanos, Rueda apunta aos contactos que o partido laranxa está tendo “con moitos posibles candidatos” e ironicamente sinala que eses contactos son con persoas independentemente do partido político ao que pertenceran para logo agoirarlle un “percorrido curto”.
Sobre os eventuais de Ciudadanos con Javier Guerra, ex conselleiro de Industria do primeiro goberno Feijóo, Rueda dixo que -malia non ter falado con el- “Javier Guerra é do Partido Popular, séntese do Partido Popular” e engadir que ten “bastante confianza na coherencia de Javier Guerra”. Sobre En Marea, Rueda afeoulles “mirarse no embigo” ter “moitos desacordos” e logo vaticinarlles que “calquera controversia” a resolverá “o señor Pablo Iglesias non sei se cun chío, cun Whatsapp...”.