CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Lupe Murillo: "Charles tiña ofertas para cobrar 5 ou 6 veces máis. Vén aquí por amor ao Pontevedra"

31/07/2020 - 15:15 h

Lupe Murillo, a presidenta do Pontevedra, pasou por Zona mixta para debullar polo miúdo a nova do día no deporte galego, a fichaxe de Charles polo Pontevedra, no que significa a súa volta á casa: "Non é habitual que un dianteiro deixe a Primeira e baixe dous chanzos para ir a un club de 2ªB, aínda que sexa un histórico como o Pontevedra para acabar aquí a súa carreira. Dixo que aquí empezou con 19 anos e que lle debía todo ao club".

Falou Murillo de que foi unha xestión persoal e que cando llo comunicou a Xesús Ramos, o adestrador, este non o cría: "Non o consultei con el, foi o único, pero claro, a dirección deportiva non puxo problemas, ao revés, non o cría. Levo meses falando con Charles, e é socio do Pontevedra. Ve os partidos nosos, chámame e comenta os partidos comigo. Aí naceu o gromo do que agora se confirma".

Sobre a duración do contrato, dixo: "Non pechamos temporadas, el vaise retirar aquí, sexa un ano, dous ou tres como xogador. Pero despois vai continuar na parcela deportiva. El rexeita outros clubs de superior categoría e deixa tamén de recibir moitos cartos. Cada oferta que lle saía ao seu representante... eu sufría, pero tiña a súa palabra".

Non falou de cartos, pero si deixou claro que o que vai cobrar aquí nin de lonxe chega ao que ganaría fóra de Pontevedra: "Charles vai cobrar 7 ou 8 veces menos que o que cobraba en Primeira. Isto faino polo amor ás cores. Sempre hai quen critica... No económico, tranquilidade, xa dixen que eu cando marche de aquí non vou deixar o Pontevedra peor do que o atopei, nin un euro máis. Cando cheguei debíanse 2 millóns e nos meus seis anos tivemos superávit. E facemos auditorias independentes aínda que non temos obrigas. Que ninguén diga algo por aí. Por moita felicidade que haxa, sempre hai quen critica, e iso está ben, mentres non se insulte".

Remataba Lupe Murillo chea de ledicia falando da dianteira letal que queda en mans de Ramos: "Mira para aí, Rufo: 18 goles na categoría e agora Charles que acaba de conseguir 9 en Primeira, pódese pedir máis?".

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso