CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Cesarina Fanego, vicepresidenta do Burela F. S.: "Facía falta a alegría deste título para A Mariña. Pasámolo moi mal"

29/06/2020 - 15:39 h

Son as figuras da fin de semana: as xogadoras do Burela Fútbol Sala chegaron hoxe á casa para empezar a celebrar aquí o seu título de campioas da liga de fútbol sala. Este mediodía o equipo tivo unha recepción no Concello de Burela. De todas as persoas que hoxe están felices na Mariña co triunfo Cesarina Fanego, a vicepresidenta é unha das afeccionadas máis fieis do equipo feminino e pasou por Zona mixta para contalo.

Así de satisfeita se amosaba: "Estamos moi orgullosas das nosas pícaras. Eu só falto cando os partidos son moi lonxe, son moi fiel, a fan número un. Vou detrás do chofer no coche e as rapazas están pendentes ata cando baixo do bus non vaia caer, son vella, pero non tanto!".

Contaba o sufrimento que pasou, e non só neste encontro. Todo o que leva sufrido a zona mariñá nestes últimos tempos acrecenta a ledicia polo título: "Facía falta esta alegría na Mariña. Pasámolo moi mal, a alegría non hai máis que vela. As pícaras viñan rebentadas, pero aínda así non hai máis que verlle as caras. Cando iamos empatadas a dous, díxenlle a Rubén, marcho que non aguanto, pero non podía deixar de mirar".

E non só é vicepresidenta e afeccionada, senón que o Pescados Rubén tamén é patrocinador moi importante e ela forma parte del: "Oxalá que sigamos moitos anos como patrocinadores do Burela. Con Manolo non discuto de cartos, niso mandan o pai e o fillo. Temos as mellores xogadoras do mundo, eu creo que non abusamos. É un orgullo e algún rival tenos dito que abusamos".

Sobre se sofre máis co equipo masuculino ou co feminino, aclarou: "As rapazas fanme sufrir máis ca eles, é así. Para convencelas para vir a Burela non é todo cartos e o convenio colectivo. O segredo? que lles queremos ben, e nótase que nos respectan en todas partes. Igual vou algún partido internacional, aínda que o avión non me chista. Nunca pensamos chegar aquí e, mira, aquí estamos".

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso