CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Miguel Loureiro: "Non me sorprende que Javi Galán sexa o mellor regateador despois de Messi; a min fíxome mellor xogador"

29/07/2021 - 15:07 h

Miguel Loureiro, xogador fichado polo Rácing de Ferol e que volve á terra, foi o vencello galego elixido por Zona mixta para falarnos de Javi Galán, moi pretiño de asinar polo Celta, e do seu novo equipo, claro: "O proxecto do noso equipo pinta moi ben e imos pelexar por todo na 1ª RFEF. Esta categoría vai ser aínda máis complexa que a 2ªB tradicional, pero temos un equipo moi competitivo. Xa estou en Galicia e estaba pendente de Javi Galán e a súa fichaxe polo Celta".

Así detallaba as cualidades como xogador e como persoa do lateral ofensivo que vai aterrar en Vigo proximamente se nada se torce: "É moi bo futbolista e desde que cheguei a Córdoba xa me parecía diferencial. Para o Celta sería un xogador de nivel que lle vai dar moito ao equipo. Sempre destacou no regate, comezou de extremo e creo que foi Oltra o que o puxo como lateral por vez primeira. Non me sorprende a estadística de Galán como segundo mellor regateador despois de Messi. É un lateral moito máis ofensivo que defensivo, pero cumpre moi ben atrás. É moi competitivo e moi duro, a min fíxome mellor xogador tamén. En calidade humana Javi encaixa moi ben en calquera grupo, xa o veredes. É moi honrado, traballador... É un compañeiro excelente e ninguén pode ter unha palabra mala sobre el, todos os que fomos compañeiros del alegrámonos moitísimo de que estea a triunfar".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso