CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Adrián Cruz: "Estaba disposto a seguir no Pontevedra, incluso rebaixando o soldo, pero non podía esperar máis"

29/06/2021 - 15:45 h

Hoxe en 'Zona mixta' contaron cun convidado moi especial, Adrián Cruz, un histórico que non vai seguir no Pontevedra, pero non cambia máis que de equipo na 2ª RFEF galega. O xogador despedíase dos granates esta mesma mañá por redes sociais e falaba nos micros da Radio Galega: "O Pontevedra é o club ao que máis agarimo lle teño e débolle todo"

Así analizou o ano pasado, difícil no persoal: "Sabiamos que tiñamos un bo cadro de xogadores, dous de bo nivel por posición, pero as cousas non saíron. Iso demóstrase polas fichaxes que están saíndo desde o Pontevedra para outros equipos de superior categoría. Estaría encantado de seguir, incluso rebaixando o soldo, non foi así. O meu hándicap é que tiña que seguir en Galicia e non podía esperar máis como me pediron desde o Pontevedra. Estou valorando opcións pola provincia, o Arousa e o Arenteiro son opcións, si, pero aínda non teño nada pechado. Fisicamente este ano minguoume moito polas lesións e afectoume animicamente tamén. Para a vindeira tempada quero contar cun dietista e un preparador persoal para que non me pase como este pasado ano. Penso que teño fútbol aínda para xogar nun club que se adapte aínda ao meu xeito de xogar"

E finalmente tivo tempo para falarnos, como curmán de Iago Aspas, de como está vivindo o de Moaña a xeira da selección española: "Iago está en Eivisa ao sol, pero seguro que seguindo o equipo con moita atención. Na familia si que hai algo de enfado porque non estea na listaxe da Eurocopa o meu curmán, pero Luis Enrique fixo esa elección e agora xa está feito"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso