CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Xosé Luís Deus: "A xente da canteira quere continuidade, non oportunidades, hai que crer neles"

28/06/2021 - 15:29 h

Na Coruña, doce resaca por fin para o deportivismo co título do Deportivo xuvenil na Copa de Campións que lles dará acceso á Youth League. En 'Zona mixta' falaron con Xosé Luís Deus, que foi capitán dese mesmo equipo hai 25 anos: "A verdade é que é para sentirse moi orgulloso, xa o 12 de maio do 96 acabamos gañando a final contra o Real Madrid cun gol de ouro na prórroga... Para nós aquel título non nos axudou moito: acabábase de instaurar a lei Bosman e o Depor estaba nun momento moi doce. Aquel Dépor tiña moi bos xogadores, e non só no primeiro equipo. A situación destes rapaces é moi diferente agora. Lendoiro dicía que os canteiráns tiñan o listón moi alto e tivemos que marchar todos. Eramos 48 na pretemporada. Chegou Toshack e contou conmigo e debutei"

Centrándose no futuro, cre que a situación mudou moito, e para ben, para as novas promesas do equipo branquiazul: "Hai moi bos vimbios, moi bos futbolistas. Riazor para moitos xogadores da casa facíase moi duro, pero agora non hai diferenzas co traballo de canteira que fai o Celta, por exemplo. Hai moi bos futbolistas aquí. Sempre quedo coa mesma frase, a xente da canteira quere continuidade, non oportunidades. Os que veñen por abaixo teñen tamén un nivel brutal. Vendo a situación do primeiro equipo é para crer, porque vimbios hai para facelo"

Como representante de xogadores, tamén ve a posibilidade dos espolios aos equipos en situación máis delicada: "A día de hoxe competir contra os grandes equipos que che poidan levar xogadores é moi difícil. Xogador e club moitas veces aceptan esas ofertas. Eu creo que ambos teñen que mirar polo ben do futbolista"

Centrándose nalgún xogador destacado, isto dicía Deus: "O de Noel só reafirma o que pensabamos del. Cando o ves contra equipos desa categoría: Real Madrid, Barça... aí dá o nivel que ten realmente".

Sobre o que agarda por eles tamén era claro no coidado que hai que ter e as oportunidades que virán: "Sendo campións os xuvenís... a ver como vai a adaptación. Calquera dos xogadores que destacan van depender do que necesitará o primeiro equipo, senón terán que ir queimando etapas, o camiño natural é pasar polo Fabril"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso