CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Tariku Novales: “Eu son adoptado, a etiqueta ‘nacionalizado’ é pexorativa porque, evidentemente, hai nacionalizacións interesadas”

27/09/2021 - 15:53 h

Xa teñen falado no Zona mixta con Tariku Novales de música, de tecnoloxía deportiva e, algún día, igual ata de atletismo. O que seguro que non esperaban é ter que falar de nacionalidades e de racismo con el. Nunha fin de semana polémica neste eido polo caso de Ana Peleteiro, tamén Tariku se viu afectado por unha redacción desafortunada nun diario deportivo nacional: "Non me sorprenden estas cousas, os casos, porque non son nin un nin dous os de Ana Peleteiro, e neste caso, o meu. Non pensaba falar disto, pero quería aclaralo. O autor da noticia púxose en contacto comigo e díxome que se fiara dunha folla de estadísticas, pero foi unha etiqueta desafortunada"

Foi moi claro dicindo que non lle pareceu algo grave, pero si quixo matizar: "Nin son etíope, nin nacionalizado, nin da Federación Galega: son galego, de orixe etíope. Eu son adoptado, a etiqueta ‘nacionalizado’ é pexorativa porque evidentemente hai nacionalizacións interesadas. Non me pareceu afortunada a expresión. Moitas veces confúndenme cos africanos, iso que debo ser o atleta africano máis malo", concluíu cun sorriso. "A nivel nacional tampouco te teñen que coñecer en carreira, pero á hora de escribir un artigo, o mínimo é saber un pouco da persoa da que estás escribindo. Aínda que non me parece grave. As miñas raíces son etíopes, e ben orgulloso que estou delas"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso