CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Javier Oreiro: "Ou o Dépor consegue rápido medidas cautelares ou un acordo para a Liga de 24, ou é difícil que saia en 2ª"

27/07/2020 - 15:08 h

Javier Oreiro, adestrador e avogado, achegouse aos micros de Zona mixta para falar do caso Fuenlabrada e de moitos outros temas de interese. Comezou no xurídico facendo gala do máster que ten na materia: "A única cuestión é que estamos no ámbito da disciplina deportiva, que pertence á Federación Española de Fútbol. A Liga pode sacar moitos comunicados, pero non vai decidir ela. Logo das instancias deportivas, só queda a xustiza ordinaria. Os feitos xa se produciron, a non disputa do partido e da xornada unificada, que é o que impugna o Dépor. O Deportivo pide a anulación da última xornada. A Liga de 24 non depende máis que da asociación dos clubs. Vai ser complicado polos intereses cruzados. A posible infracción do Fuenlabrada é outro caso: se fose unha moi grave podería perder a categoría".

Sobre a actuación do club madrileño, afirmou: "O Fuenlabrada actuou con dolo? O R. C. Deportivo vai ir por aí, creo eu, para que se cualifique como falta moi grave. Se se abre o ámbito penal, paralízase todo percorrido no deportivo. A Liga fai mal dando por finalizada a competición porque non incardina a infracción".

E sobre unha posible decisión gobernamental, opinou: "A decisión do CSD xa non sería xurídica, senón política, buscando unha solución para desatascar o caso, pero aí non podo opinar, porque sería extraxurídica. Ou o Dépor consegue rápido medidas cautelares ou un acordo entre clubs para un liga de 24, ou é difícil que saia en Segunda. Eu teño un fillo xogando no Deportivo e gustaríame que se solucionase todo, pero se é vía xurídica... sabemos que a xustiza é lenta".

Tamén tivo tempo para falarnos de como veu o play off de ascenso á Segunda B: "Ao final o equipo que se presumía que ía ascender, o Compos, conseguiuno, pero foi unha gran festa do fútbol galego en todo caso".

E rematou cunha frase definitoria da súa vida: "Como adestrador ou como avogado, a miña vida é sempre competir contra outros".

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso