CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

O final da Liga de Segunda, este domingo no 'Galicia en goles'

27/05/2021 - 15:28 h

A fin de semana deportiva comeza o venres na Radio Galega. Desde as oito e media da tarde ata as 12 da noite, Paco Santos repasa os partidos dos nosos equipos cos seus protagonistas e os especialistas do programa.

O sábado, desde as 3 da tarde, 'Galicia en goles' estará presente no Pazo de Lugo, no desempate dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB entre o Breogán e o Palma. Non faltará o fútbol desde o Couto co U. D. Ourense-Arzúa, da fase pola permanencia na Terceira. A axenda complétase coas competicións de fútbol sala, balonmán e a carreira dos 100 quilómetros do Camiño entre O Carballiño e Santiago de Compostela.

Xa o domingo, a edición matinal contará desde as 12 do mediodía a xornada de fútbol feminino e a fase de ascenso á Primeira de fútbol sala feminino. Desde as 3, a sesión de tarde estará dedicada á Terceira con atención especial ao encontro de cuartos de final polo ascenso á Segunda RFEF entre o Alondras e o Estradense. Desde as 8, 'Galicia en goles' centrará a cobertura co final da Liga de Segunda, con horario unificado nos partidos decisivos ás 9 da tarde. O Lugo necesita gañar en Vallecas para permanecer; calquera outro resultado obrigarao a estar pendente de Logroño, Miranda de Ebro e Alcorcón. Andrés Vieites estará presente no estadio do Raio, co apoio dos especialistas Rafa Porto e Emilio González. A partir das 11 da noite, a audiencia poderá seguir no 'Contraataque' a rolda de prensa do adestrador Rubén Albés para logo dar paso á mesa de debate dos analistas.

Na fin de semana tamén destaca a celebración do Rally da Coruña. O programa 'Gas a fondo', o sábado ás 11 da noite, fará unha edición monográfica dedicada a esta proba, con entrevistas aos pilotos mellor clasificados. Despois do motor, ás once e media, 'Galicia en Toquio' pechará as emisións deportivas do día coa actualidade dos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos.

O sábado, os oíntes da Radio Galega tamén poderán escoitar o espazo 'Convivir deportivo' á 1 do mediodía. Desta volta, Alfonso Pardo visita o concello de Cerdedo-Cotobade para poñer en valor o parapente e o traballo da escola La Térmica.