CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Niki Fernández: “Cando marchou, Sisto parecía que sería o mellor xogador de Dinamarca, pero non sei que marisco lle deron en Vigo que xa non mete goles”

25/06/2021 - 15:30 h

Segunda xornada de descanso na Eurocopa. Mañá comezan os oitavos de final e España xoga o luns en Dinamarca, así que 'Zona mixta', no seu último capítulo dos 'Galegos pola Euro' foron ata Dinamarca, alí coñecemos un mozo de Viveiro moi afeccionado ao fútbol, Niki Fernández, que nos contou como viven o fútbol por aló: "Os meus colegas son dinamarqueses e non queren vir comigo ver a España contra Croacia. Eu son moi novo, pero igual aínda nos gardan as derrotas dos mundiais cando os eliminabamos sempre. Eu levo 12 anos en Dinamarca. Xoguei ao fútbol como non profesional aquí. Cheguei a xogar nun equipo que podería ser equivalente á Terceira en España, aínda que claro, aquí son só 5 millóns de habitantes"

E, por suposto, falounos de Pione Sisto: ""Coñezo a Pione, falei dúas ou tres veces con el. Perdemos a liga por dous puntos, é o meu equipo, o Midtjylland. Ben, en realidade eu ser, son do Dépor, iso déixoo claro. Sisto é un rapaz moi humilde, moi normal e accesible. Creo que non atopou o seu sitio. Era a estrela aquí cando marchou de Dinamarca, pero en Vigo non sei que marisco lle deron que xa non marca goles", apuntaba con humor

Niki explicounos que o fútbol non é o deporte maioritario no país: "Aquí o balonmán interesa máis ca o fútbol, son unha potencia"

E tamén nos relatou como estiveron en Dinamarca, co corazón encollido, co colapso que tivo Erikssen, o xogador da Selección: "Foi un susto tremendo. Estaba con amigos vendo o partido nun local e a verdade é que pasamos uns momentos tremendos. Houbo 20 minutos en que todos quedamos calamos e só mirabamos os móbiles en silencio. Os dinamarqueses teñen espírito viquingo e van xogar tamén por el. Ollo que poden chegar á final, non sei se contra España, mellor non, porque non sei quen gañaría"

De sobremesa, test de Dinamarcoloxía, que superou con éxito despois de recomendarnos lugares que visitar e comida que comer, aínda que como o marisco galego, sexa de Vigo ou de Viveiro... non hai", confesou.

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso