CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Alejandro Muñíz Ruiz, novo colexiado galego en Primeira División: "O VAR é un salvador e un amigo"

22/06/2021 - 15:22 h

Na Primeira División imos ter a próxima tempada un galego máis. É o árbitro pontevedrés Alejandro Muñiz Ruiz, que ascende de categoría despois de completar un ano fantástico na Segunda, trofeo incluido. En 'Zona mixta' quixeron felicitalo.

E tamén preguntarlle como o soubo: "O de chamarnos polo apelido aos colexiados é clásico xa. Na casa se me chaman Alejandro é por algo serio. Sóubeno onte por unha chamada moi intensa e emotiva. Custoume recuperarme dela. Hoxe en día xa hai moitos rapaces que arbitran por vocación, pero mentiría se dixese que é o meu caso. Pero tamén é certo que a arbitraxe deume moito. Non sería a persoa que hoxe son se non fose pola arbitraxe"

E como será o fútbol na máxima categoría para un colexiado? Muñiz Ruiz ve diferenzas e semellanzas: "En Primeira hai que estar fisicamente moi ben, son atletas e haberá que estar moi pendente de todo. As xogadores que sempre son máis de ir falar cos colexiados, os capitáns... Se non vai estar Sergio Ramos pois... deséxolle o mellor como a calquera futbolista"

Cuestionado por onde lle gustaría arbitrar e pitar un penalti: "Non teño un estadio de referencia, nin sequera para debutar. Gústame San Mamés onde estiven de 4º árbitro. Pitalo en Mestalla, no Camp Nou, no Bernabeu... todos son grandes estadios para pitar"

E entrando na polémica, é partidario do VAR e das axudas na arbitraxe para evitar o erro: "O VAR é un amigo e un compañeiro. A min o que me fastidia é trabucarme. Se me quita dun erro e podo durmir mellor, que máis podo pedir? Un árbitro valórase por unha traxectoria, non por erros puntuais nun play off baixo presión"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso