CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Javi Díaz: "Fixen 46 anos en marzo, levo tres dicindo que o deixo. A min xogar non me quita vida, dáma"

20/05/2021 - 15:40 h

Falamos cun home que rompe estatísticas, Javi Díaz ten 46 anos e segue defendendo a camisola do Balonmán Cangas por terceira tempada: "Onte estiven por riba da media, si. Un 60% de paradas está moi ben. Pero non son de fixarme neses datos; non son un enfermo diso. Igual se fose máis novo si, pero agora non. A última bóla que paras é a decisiva, eses si son momentos claves"

Así nos falaba deste mes no que se xogan todo: "Despois de rematar o confinamento levamos un mes incrible. Estamos xogando ao límite do que pode dar este equipo. O último partido en Barcelona é moi difícil, hai que gañar en Guadalaxara, non dependemos de nós"

E se falamos de datos e datas, non podía faltar a referencia á súa idade e se seguirá en activo: "Fixen 46 anos en marzo e levo tres dicindo que o deixo. A min non me quita vida o de xogar, ao revés, dáme vida. Mágoa da pandemia, que notamos moitísimo a falta de público no Gatañal. Eu adéstrome moitísimas horas, e tamén necesito moitas para recuperarme. Só sei eu o que sufro. Só o noto en frío cando me levanto da cama. Convenceume Camiña hai tres anos de vir para aquí. Falando en serio, creo que o deixo definitivamente. Cando acabe esta tempada voume dar un tempiño para pensalo e falalo coa familia, teño un neno pequeno e quero desfrutar del"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso