CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Donato: "Pasará á historia o Superdépor, pero por calidade era mellor o que gañou a Liga no 2000"

19/05/2020 - 15:05 h

Hoxe Donato estivo en Zona mixta para lembrar aquel momento único do seu gol e a celebración do título de Liga en Riazor, seis anos despois do infausto penalti de Djukic

Comezou contando como o partido pintaba mal e había meigallo: "O partido empezou con ocasión para o Español, e para a afección foi un desafogo o gol no minuto 3. Non tanto para nós, os xogadores confiabamos na vitoria e no título de Liga. A xestión de Lendoiro cos xogadores que trouxo foi fundamental por equipo e vestiario".

Sobre a alegría que tivo naquel momento: "A miña ilusión desque cheguei a España era gañar unha Liga e marchei do Atlético sen facelo. Cheguei ao Dépor e gañeina mentres eles estaban loitando para non descender. Pensamos no 94 que igual non había oportunidade de gañala, e tiven a felicidade da beizón do gol".

Deu a súa opinión sobre se era mellor o equipo de Arsenio ou o de Irureta: "Nome por nome, e por calidade, eramos mellores no 2000 que no 94. Ano a ano fomos mellorando. Con Toshack houbo un troco drástico no vestiario. Marchou moita xente e viñeron de todos os países: franceses, marroquinos, checos... Ata que volveu a familia con Irureta. Pero hai unha cousa que quedará marcada para toda a vida: o Superdepor de Arsenio, Bebeto, Mauro, Aldana... Ese queda na historia xa".

Reflexionou sobre o pasado, incardinándoo co presente: "A vida é unha onda que vai e que vén, quen ía pensar que iamos gañar unha Liga? Que agora esteamos nesta posición? Que ía haber unha pandemia como esta? Que consecuencias vai ter a partir de agora? Nin se sabe. Non podo descartar nada no futuro, agora é difícil repetilo".

E sobre os ensaios cara o gol, desvelou no programa algo interesante: "Eu xa marcara goles como este, pero foi traballo do día anterior. No adestramento quedei só con Víctor Sánchez del Amo. Cando vin que ía sacar no minuto 3 ese saque desde o curruncho, sabía que ía chegar o mellor momento da miña vida como futbolista, ese gol".

Como foi o que viviu cando viu por fin o título nas mans? Así o contou: "Teño todo fresco na cabeza. Aqueles momentos que me criticaban por estar maior. O gol fixo que non haxa outra imaxe máis bonita na miña cabeza cá desa noite. Emociónome só con pensalo. Co equipo este ano aí e metemos 30 mil persoas en Riazor. O equipo ten que dalo todo".

Sobre o Depor de hoxe, apelou ao sentimento e ao respecto á afección: "As cores desta camisola, desta cidade son moi importantes, esperemos ser inspiración para os xogadores actuais. Nos momentos máis difíciles a afección nunca falla, diría que agora está máis ca nunca apoiando. E quero ese audio da Radio Galega co meu gol cantado!".

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso