CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Benito Cores: "O Dépor cobra da TVG igual ca os demais. Ten títulos, pero agora está na 2ªB"

16/10/2020 - 15:28 h

O xefe de deportes da TVG, Benito Cores, pasou pola Zona mixta para debullar o acordo da Televisión de Galicia para retransmitir todos os partidos que xoguen este ano os equipos galegos na 2ªB nos encontros disputados en Galicia.

Defendeu unha difícil negociación coa que está satisfeito: "Temos os cartos que temos para todos. Foi un acordo complicado, unha cesión mutua en que cedemos todos. O R.C. Deportivo cobrará igual que os demais. Ten títulos, si, pero está na Segunda B, igual que os demais", afirmou. Para sinalar que un medio público ten unha responsabilidade: "Somos un medio público e temos que dar o mesmo trato a todos. O resto dos equipos galegos non entenderían outro acordo. Sempre damos todos os partidos dos nosos, incluso algúns fóra da casa. Este ano non vai ser diferente".

E ante a pregunta de se hai un favorito claro, tirou de retranca e dun clásico no Dépor: "Arsenio dicía que había que chegar aos últimos 5 partidos do campionato para ter opcións. Agora non sabes cando van ser eses cinco partidos. E se se suspende e se dá finalizada a competición pola covid-19? Todos van ser finais. Xa a Segunda B é moi complicada, os campos son moi moi difíciles se non os coñeces. Favoritos? Once contra once e Deus dirá".

 

 

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso