CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Rodilla lembra os 50 anos do EuroCelta: “Non sabiamos nin onde estaba Aberdeen. Voamos nun avión que se movía máis ca un tractor"

15/09/2021 - 15:02 h

Hoxe celebramos un aniversario: hai medio século do primeiro partido dun equipo galego nas competicións europeas de fútbol, un Celta-Aberdeen do que falou en Zona Mixta Fernando Rodilla, exxogador e hoxe membro do Consello de Administración do club celeste: "Non vivo de recordos. Nestas datas a prensa e a tele lémbrannos e está claro que esquecer esta data non se pode... Eu era un rapaz feliz: xogaba no meu equipo, na miña cidade, que maior satisfacción que debutar no Celta e en Europa. En prensa non tivo repercusión o partido. Pareceunos raro daquela, e pasado o tempo chámanos máis a atención aínda. Dáselle moita máis importancia agora ao que conseguimos os xogadores e o equipo do Celta. Hoxe en día todo o mundo fala e pregunta por aquela época, polo partido"

Así detallaba o enfrontamento, inzado de anécdotas: "Daquela non sabiamos nin onde estaba Aberdeen, como se viñese xogar un equipo ruso. Naquel partido pagamos a novatada sobradamente. Gost, o porteiro, non estivo afortunado. Co enfado rompeu un dedo cando escachou unha porta xusto antes de entrar no vestiario. Nos dous goles fallara, pásalle a calquera, chovera moito e o campo estaba enlamado. Fracturou o dedo, tiña unhas mans que facían por tres. No partido de volta en Escocia non puido estar, claro. Fomos nun avión de hélice que se movía máis ca un tractor. Xogamos moito mellor aquel partido, perdemos 1-0 e eu fallei dous goles. Pero o Aberdeen ao ano seguinte quedou campión e o seguinte subcampión, ou ao revés, o que dá idea do equipo ao que nos enfrontamos"

Son anécdotas que non sempre ocupan as xuntanzas cos seus excompañeiros: "Cando quedo con Manolo ou Juan Fernández, falamos de anécdotas, pero non do partido de Escocia, foi algo moi duro"

Pero tamén falaron con el da actualidade do Celta: "Eu a nivel persoal o Celta vin que empezou mal, non merecemos perder contra o Atlético e outros partidos... O único que merecemos perder foi o do Osasuna, e empatamos. O equipo ten unha base importante e os que viñeron van mellorar á hora dos trocos e tamén dan forza no medio e atrás. Non pensamos en Europa. Como di o Cholo, pasiño a pasiño, partido a partido. No fútbol non se hai que adiantar nunca. Confiouse na defensa en Murillo, agardouse por el, hai que ver se colle a forma. É un veterano e apenas adestrou co resto do equipo, necesita 4-5 partidos para coller forma e logo verase. Na miña opinión agora a defensa é a parte máis débil do equipo"

E non eludiu a pregunta sobre o caso do rapaz Bryan Bugarín: "O Real Madrid fixo unha cousa mal no caso: non falar antes co Celta. Só comentalo e falalo antes xa estaba. Non foi ético non llo falar ao Celta. É lícito, pero hai formas e formas. Terían que cambiar a norma, cos que non fixeron 17-18 anos aínda... Se eu fose familia de Bugarín, non o faría. Por cambialo de localización non vai ser mellor; eu creo que estaría mellor na súa contorna, cos seus amigos, no seu colexio. Aos 17 anos xa se vería se se cambia de cidade, hai outra mentalidade con esa idade ou con 18 anos. Pero dito iso, oxalá triunfe. Dos dous mil ou 3.000 rapaces que saen cada ano, cantos triunfan? Dous?"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso