CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Toni Dovale: "Cando con 12 anos vas a un club grande, deixas de ser un neno para te converter nun home"

14/09/2021 - 15:03 h

A canteira do Celta segue de actualidade polo caso Bryan Bugarín. El non é, dende logo, o primeiro rapaz que marcha moi novo ao un dos clubs grandes. Hoxe convidaron á 'Zona mixta' un galego que, no seu momento, viviu algo semellante, Toni Dovale, que acaba de chegar a Hong Kong co seu novo equipo: "Estiven coa familia vinte e un días de corentena aquí en Hong Kong. Levo 2 días adestrándome para coller a forma dos compañeiros de equipo. Sobre o tema de Bugarín, a miña situación foi case igual desde o torneo de Brunete co Depor, pero daquela non había canteira como tal nin equipos infantís e xuvenís como agora. Con 12 anos es un neno e debes xogar, divertirte e, sobre todo, estar xunta a familia. Eu daquela era un bo estudante. Dixéronme, ti decides, pero se baixas as notas volves para a casa. Foi a condición que me puxeron meus pais. Eu non tiña alternativa daquela para crecer"

Pero dicía que as cousas mudaron moito desde aquela: "Hoxe en día isto cambiou moito, e a canteira e instalacións de equipos como Celta ou Depor non teñen nada que envexar á do Barça ou Real Madrid. Eu daquela viaxei aos dous sitios para decidir e, por afinidade co adestrador, Sergio Lobera, quedei na cidade condal. Con doce anos deixas de ser un neno para te converter nun home"

Preguntado polo caso de Noel, era claro na súa resposta: "Non coñezo a Noel en profundidade. Se estando en 2ªB e non saca xogadores da canteira... se este non é o momento, non virá máis. Co Celta B e Onésimo adéstranse moitos xogadores de xuvenil;  é asumible. É o momento de que o Deportivo aposte por Noel, pola categoría na que está e polo futuro"

E xa falando do seu exequipo, o Celta, dicía que a situación pola que pasa é circunstancial: "Vin menos fútbol do que se pode pensar na corentena. Pero podo dicir que o Celta parece que ten un adestrador con ideas claras. O de levar un punto é algo puntual, con situacións circunstanciais. O normal era que o Madrid gañase, pero a situación non é mala para nada"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso