CRTVG

Buscar

Zona Mixta

A galega Haydée Agras ficha como analista polo equipo do príncipe de Malaisia: "Acabará gañando a Champions, consegue todo o que se propón"

13/01/2021 - 15:38 h

Haydée Agras falou para Zona mixta desde Malaisia. Acaba de ser contratada por un príncipe do país para o equipo que quere acabar triunfando na Champions League asiática e por iso contratou á galega de analista para logralo antes cedo que tarde.

Non se atreve aínda co malaio, porque como di ela: "Aínda estou aterrando. O de chegar aquí foi un pouco de casualidade, por unha barbacoa onde me comentaron que estaban buscando alguén co meu perfil neste equipo de Malaísia. Levan dúas tempadas en Champions, e queren lograr chegar ao máis alto"

E como a contrata un príncipe para o seu equipo? Contóunolo: "Estaba en Tailandia xa traballando para eles, e este ano xa pasei a traballar presencialmente neste departamento de análise en Malaisia. En moitos países asiáticos o fútbol non é tanto unha profesión como unha diversión ou un entretemento. Iso hai que cambialo, si. Pero para o príncipe o fútbol non é un xoguete, el quere isto como algo que lle dea prestixio. Pero si é certo que en moitos lugares de Asia o fútbol é un divertimento. Xa fixeron un estadio de cinco estrelas e están investindo moito aquí para que o equipo sexa grande".

E o príncipe é un máis, así nolo dicía Haydée: "O príncipe está moi implicado, vén aos adestramentos, está pendente dos xogadores. É un máis de nós, como a princesa, son dúas persoas moi próximas. Estivemos o outro día con eles nunha barbacoa para nos coñecer. Aquí os cartos non son problema, queren gañar a Champions. Creo que o príncipe vai lograr que o equipo acabe gañando a Champions. É moi teimudo, e todo o que se propón acaba conseguíndoo".

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso