CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

Lugo-Albacete, a Terceira e o Baskonia-Obradoiro, no 'Galicia en goles'

11/11/2020 - 15:25 h

Esta fin de semana está marcada pola ausencia do fútbol na Primeira e na Segunda B, pero con competición na Segunda A e na Terceira, ademais das categorías femininas e xuvenís.

O venres, desde as oito e media do serán, Paco Santos analiza os partidos destacados cos seus protagonistas, ademais de resumir o que se xoga na tarde do vernes na LEB Ouro de baloncesto, o Burgos-Ourense.

O sábado, desde as tres, Xoán Galán ponse ao mando das retransmisións con atención especial ao fútbol da Segunda División A no Anxo Carro: Lugo-Albacete. O programa tamén estará pendente do Levante-Deportivo, da Primeira División feminina, e do derbi de Primeira no fútbol sala entre o Burela e o Parrulo. Xa o domingo, a edición matinal comeza ás doce do mediodía co Baskonia-Obradoiro, da Liga ACB, xunto ao Silva-Fisterra e o Polvorín-Somozas, de Terceira.

O Friol-Pozuelo, da Segunda feminina, e o Liceo-Vic, de hockei, completan a primeira sesión. Desde as tres, a función de tarde contará a emoción da Liga de Terceira e o encontro da LEB Ouro entre o Basquet Coruña e o Melilla.

Durante as tres edicións da fin de semana, 'Galicia en goles' estará presente en seis partidos do fútbol xuvenil, correspondentes á División de Honor e a Liga Nacional.

Malia o descanso en Primeira e Segunda B, o faladoiro chegará puntual á súa cita dominical, ás oito e media do serán, con xornalistas e adestradores debatendo sobre a situación do noso fútbol. A mesa de debate continuará ás once da noite, no 'Contraataque'.

A audiencia da Radio Galega terá outras citas co deporte na fin de semana. Á unha da tarde, Alfonso Pardo chega a Portonovo co 'Convivir deportivo' para falar da Federación Galega de Actividades Subacuáticas. Ás once da noite, Rodrigo Pérez resume a información do motor no 'Gas a fondo'. E ás once e media, Toni López entrevista no 'Galicia en Toquio' a Miguel Carballeda e Iván Montero, dentro de ciclo de conversas cos deportistas galegos que traballan para competir nos próximos Xogos Olímpicos.