CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Bóveda: "Estabamos na merda cando chegou Fernando e aínda lle discutían o sistema. Que volva pasar este ano non me sorprende"

10/12/2020 - 15:21 h

Por Zona mixta pasou Eneko Bóveda, un peso pesado no vestiario do Deportivo que sempre fala moi claro. Un pracer escoitar as súas reflexións sobre o fútbol, a vida... Alguén que sempre di cousas interesantes e nunca deixa indiferente.

Empezou a entrevista con sentido do humor, sinalando que o de que o imiten xa non lle sorprende e que o leva ben: "Carlos Jiménez non é o único que me imita, e non me molesta, non debe ser difícil porque no mesmo equipo... Borja Galán faino bastante ben, xa me ten pillados os tons... é un graciosiño".

Non é un entrevistado calquera e así o demostrou: "As entrevistas gústanme, tómoas en serio porque son unha oportunidade para dar o punto de vista dos xogadores. Loito contra o ton de excesos que se utilizan no fútbol, sexa de eloxios ou críticas, trato de poñer un punto medio. No Dépor temos un ton xeral de crítica ao equipo excesivamente agresivo. E como equipo estamos en progresión non en involución. Unha cousa é o que semella que son os afeccionados en redes sociais ou foros de internet e outra a realidade que vivo na rúa, que non é a mesma para nada".

Falou tamén sobre o grupo de xogadores do ano pasado cos que se sentía máis a gusto: "Non me sinto só nin moito menos este ano, pero é certo que me acordo case a diario do grupo dos xogadores vascos que faciamos piña, ía máis aló do deportivo… é case o peor deste ano. Bótoos de menos".

E non elude a autocrítica, sempre que a vexa necesaria: "Fixemos unha pretempada en que as sensación non foron boas. Houbo un período de adaptación e lémbrame moito o cadro de xogadores do Eibar cando ascendemos a 2ª, porque é semellante. Se a comparo co nivel de autocrítica interna que había daquela, creo que estamos mellor, Estamos no camiño correcto que é ascender. Cada día damos 1 paso adiante.Poucos no vestiario se criaron nesa rivalidade co Celta. Enfrontarnos ao B é un exercicio de humildade, xa me enfrontei ó primeiro equipo varias veces, e faremos ben en respectalos. Ao final igual se meten no ascenso e soben, entón acordarémonos deste partido".

Incidiu no tema das críticas a Fernando Vázquez e o sistema, ademais do xogo: "O ano pasado estábamos fatal, veu Fernando, puxo os tres centrais e empezamos a mellorar, pero empezaron as preguntas sobre ata cando ía durar, se non se ía animar a xogar cun menos atrás. Vés de estar na máis absoluta merda, e con esa novidade que vai ben, e discútese. En calquera outro club sería como descubrir a luz. Ese novo debuxo vai ben e pidese un cambio. Non me sorprende que este ano suceda de novo. Eu encaixo ben coa defensa de 5 ou de 4".

E foi moi explícito cando se lle preguntou se devece por ocupar o banco algunha vez: "Gustaríame ser adestrador, si".

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso