CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Pauleta: “Se notei menosprezo ao marchar a Portugal? Si, pero agora demostramos que estamos aquí para pisar forte”

10/09/2021 - 15:31 h

O fútbol feminino galego non pasa polo seu mellor momento, non temos equipo na máxima categoría, pero esta semana tivemos a satisfacción de saber que teremos dúas galegas xogando a fase final da Liga de Campións. Falamos cunha delas, coa redondelá Pauleta, que se amosaba feliz: "A celebración foi moi grande, facíanos moita ilusión pasar á fase final da Champions. O resultado da ida era bo, e iso que erramos moito naquel partido. A segunda parte contra o Twente xa foi perfecta. Xogar sen o do valor dobre dos goles en campo contrario é diferente, pero tiñámolo asimilado e sabiamos o que tiñamos que facer. Lacasse, a canadiense,  é moi boa e aínda por riba de marcar tres goles, baixa a defender. É importante que as dianteiras saiban que teñen que axudar. Non é todo ira para adiante e marcar goles. O corpo técnico teno moi claro, e eu tamén axudo cos berros, fago de mala. Gústame mandar en todos os eidos, e no campo tamén. É histórico para o club ter o equipo masculino e feminino na fase final de grupos da Champions. O Benfica é un club do que notas a grandeza xa nada máis entrar: eles chámanlle a 'mística' dun lugar feito para gañar"

E sobre as preferencias para o sorteo, teno moi claro, e non lle dá medo ningún rival: "Gustaríame que nos tocase o Barça, o máis difícil do bombo 1, pero faime ilusión. No bombo 2, as islandesas sería o ideal. E no bombo 3 gustaríame que nos tocase o Madrid por Tere Abelleira. E estou convencida que pasariamos, tería máis mérito aínda"

E con esta reivindicación e claridade falou de como marchou de España, do que non se arrepinte a pesar do menosprezo que notou: “Houbo xente que cuestionou que marchase a Portugal, agora demostramos que estamos aquí para pisar forte”

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso