CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Juan Copa: "Con estes números, noutra tempada teriamos gañado a Liga, pero sabiamos que o Barça non ía fallar ao final"

09/06/2021 - 15:30 h

Esta semana vanse xogar por fin na Coruña as copas do Rei e da Raíña de hóckey a patíns e por 'Zona mixta' pasou Juan Copa, adestrador do Liceo, para analizar as posibilidades do equipo: "Lamentablemente non teremos o factor cancha, co público en Riazor, ao noso favor. As pistas non son iguais, hai pistas máis grandes ca a nosa. A nosa é de 20x40, pero hainas máis grandes, claro. O que si non hai son moitas de parqué como a nosa. Nós notamos moito xogar en terrazo cando saímos a Cataluña. O parqué de Riazor agarra moito; e nótase. En cada pista hai que adaptarse; hai que cambiar os patíns pola dureza das rodas... hai que botarlles líquido cando vas xogar en terrazo. Cando viaxamos a Cataluña é doado esvarar. Aquí dominamos iso, ata o coñecemento dos valados da pista favorécenos. Isto é como o fútbol, o Barça nota cando sae a xogar fóra do Camp Nou"

Logo de analizar o factor cancha, centrámonos no aspecto deportivo e repasamos a tempada en Liga: "Non temos baixas e estamos todos moi ben. A Copa do Rei é moi exixente a nivel físico e é outro factor importante para nós. Animicamente tamén cambiamos o chip xa polo da Liga. Fastidia non poder gañala, pero xa o temos superado. Sabiamos que nas últimas xornadas o Barça non ía fallar, as sorpresas en hóckey a patíns son moi difíciles que se dean durante varias xornadas. Fíxate que este ano igualamos o récord de puntos do club. Con estes números noutra tempada teriamos sido campións. Un man a man co Barça en 30 xornadas é moi difícil, pero a Copa é distinta"

E cal será a chave para gañar a Copa? O adestrador do Liceo teno claro: "Nós temos que ser fieis ao que fixemos na Liga: defensa moi forte, hai que lembrar que fomos o equipo menos goleado... a nosa forza é esa, as nosas credenciais. Primeiro temos que superar o Voltregá... e logo imos vendo. Somos 20 equipos nunha Copa do Rei moi exixente, para o Barça tamén o vai ser porque xoga co Noia. En todo caso non nos cruzariamos ata a final"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso