CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Luis Santiago: “Brais ten unha calidade abraiante, non hai que esixirlle a todo o mundo que sexan cabalos de carreiras”

08/06/2021 - 15:08 h

Brais Méndez xa está coa selección. O xogador do Celta comezou a adestrarse hoxe co grupo de 6 futbolistas chamados de urxencia para estar na recámara por se hai máis casos de covid no equipo e teñen que acabar xogando a Eurocopa. Falárono con Luis Santiago en 'Zona mixta'. O adestrador galego tívoo ás súas ordes e coñéceo moi ben: "Á parte de a Brais, puiden adestrar a Rodri dos que están agora. Brais xa empezaba a destacar daquela e o R. C. Celta púxoo no escaparate. Creo que se Jonny non estivese lesionado, o mesmo Borja Iglesias, Lucas Vázquez, ou Denis Suárez, que ten o prurito de que non estivo aí; todos poderían estar nesta selección"

Así nos falou do período de formación do centrocampista e a súa forma de ser: "Coñecía a Brais desde cadetes e sempre me encheu o ollo. Sabía das súas posibilidades. O que máis se lle atragoa á xente é a súa aparente falta de loita. Pero non se lles pode pedir a todos que sexan cabalos de carreira, que sexan turróns. Brais é introvertido fóra do campo. Dentro é un asistente con chegada que se está a facer importante xa aos seus 24 anos. Está moi ben amoblado a nivel de cabeza, como moitos desta xeración. Iso é moi importante. Con Brais quedabas abraiado, nunca tivemos dúbida de que podía chegar a ser o que el quixera".

E sobre as súas posibilidades de quedar co equipo finalmente na Eurocopa, dicía: "Soler e Brais, sen dúbida entre eles dous vai estar o elixido para substituír a Busquets. En setembro póñense catro nomes por posición nunha pizarra e ao longo da tempada faise un cribado ata os finalmente elixidos. Na cabeza de Luis Enrique seguro que conta os xogadores que teñen facilidade para chegar á área pola posible falta de gol do equipo. E aí está Brais"

E claro, neste caso, a pregunta era obrigada: "O caso de Iago Aspas é unánime. Todos pensabamos que debería estar aí"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso