CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Desirée Vila: “Nos XXOO vías xente comendo cos pés ou outra sen pernas, que se desprazaba en monopatín; quédache gravado”

07/09/2021 - 15:48 h

Por 'Zona mixta' pasou Desirée Vila, unha das galegas que volveu dos Xogos Paralímpicos en Toquio para contarnos as emocións que sentiu durante unhas datas inesquecibles na vida dunha deportista: "Dentro de pouco poderei estar coa familia, que xa teño ganas. Cando cheguei á vila olímpica logo do salto chorei moito. Non fixen a marca persoal que estaba buscando, pero logo xa máis tranquila teño que dicir que estou contenta; eran os meus primeiros xogos e saquei diploma. As primeiras eran inalcanzables. Intentaba conseguir o cuarto posto, pero as xaponesas estaban na casa, adaptadas e máis descansadas e quedaron por diante"

Definiuse como unha persoa fundamentalmente sensible, e por iso viviu con moitas bágoas todo o seguimento que fixeron desde a súa vila natal, Gondomar: "Son moitos anos preparándome para os xogos, por iso tanta emoción. En Gondomar fixéronme unha homenaxe preciosa. Ver iso fíxome chorar moitísimo. Eu son bastante sentimental e ao ver eses vídeos de Gondomar emocioneime moitísimo, a verdade. A vila olímpica é case como unha cidade. Eu son moi sociable e dánseme moi ben os idiomas, así que petei o Instagram de fotos e stories sobre o que vivín. No comedor da vila olímpica podías ver desde unha persoa que comía cos pés porque non tiña mans, ou unha persoa que se desprazaba en monopatín porque non tiña pernas"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso