CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Joaquín Dosil, psicólogo deportivo: “Hai que falar de saúde mental no deporte. Vemos casos de suidicio, depresións, son situacións moi graves”

07/06/2021 - 15:37 h

En 'Zona mixta' falaron co psicólogo deportivo Joaquín Dosil sobre o caso da tenista Naomi Osaka (que non comparceu ante os medios e foi sancionada) para tratar de ver a importancia do tema da saúde mental no deporte: "Hai que ter profesionais para afrontar situacións como a que ela viviu. Hai moitos casos que non saen á luz e logo traen consecuencias"

A chave, para Dosil, está na normalización e a visibilización, e o trato con profesionais para que non aparezan, ou poidan ser tratados os trastornos que afectan o psicolóxico, o mental: "Penso que é bo normalizar que o deportista con alteración mental se visibilice. Nunca debemos esquecer que os deportistas, de gran nivel tamén, son persoas e teñen que lidar coas armas ao seu alcance. Non adoita haber máis problemas en deportistas que na poboación xeral"

Sobre as diferenzas entre deportistas de elite e poboación en xeral, profundizou: "Hai maior prevalencia en modalidades estéticas ou onde a pesaxe é fundamental para que aparezan trastornos como anorexia ou bulimia. Nos deportes individuais hai máis casos de trastornos na saúde mental, pero en fútbol ou baloncesto, a pesar de que a estética debería ser algo secundario, tamén hai trastornos de alimentación, sobre todo no baloncesto feminino e no fútbol tanto de homes como de mulleres"

A xestión da presión, para o psicólogo deportivo, é fundamental: "A saúde mental é un conglomerado de diferentes casuísticas que dan diversas situacións. Temos visto casos de suicidio. Hai que traballar desde a prevención, pero tamén ás veces hai que ir coa intervención, cando o caso fai que o deportista non supere a presión. Hai que traballar e darlle importancia a dar instrumentos para lidar coa presión. Non coñezo o caso de Naomi Osaka en profundidade. Pode ser unha fobia que lle xera un nivel altísimo de estrés. Podería ser así. Hai que comprender, entender e tratar: a saúde mental pódese tratar e, sobre todo, traballar"

E a resposta é clara sobre se os deportistas deben ter un experto en psicoloxía ao seu alcance: "Recomendo aos deportistas que se lles afectan os comentarios e críticas en RRSS, que as poñan en mans de profesionais, pero deben prepararse para traballar estas críticas e aceptalas. O psicólogo sobre todo traballa sobre a prevención dos trastornos mentais. Os equipos deberían contar cun especialista en saúde mental, aínda que non estea todos os días. O peor que se pode facer é deixar pasar os problemas: os futbolistas son persoas, non súper mulleres ou súper homes. Cando sentas con eles velo claro: teñen medos, sofren presións..."

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso