CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Ezequiel Mosquera: "Queremos a Volta a Galicia do 24 ao 27 de febreiro, o obxectivo é ter grandes equipos na saída"

06/09/2021 - 15:03 h

Para os afeccionados á bicicleta e o deporte galego, é unha desas novas que che alegra o día. Galicia vai recuperar unha das súas probas históricas, a Volta Ciclista para profesionais. Un proxecto que impulsa un dos músculos que temos no noso deporte, Ezequiel Mosquera, que pasou por 'Zona mixta' para contalo

Un Ezequiel que é un bulebule e non parou durante a pandemia sobre a volta da proba: "O de seguirme dedicando ao deporte non é traballo para min. Eu síntome realizado profesionalmente. Non podo garantir ao 100% o da Volta a Galicia en 2022 porque foi unha cousa precipitada, pero moi probablemente non teremos que agardar ao paso da Volta a España por Galicia. O da Volta é un proxecto que está moi avanzado xa. Tiña a espiña cravada. Poucos deportes teñen a repercusión para un territorio como o ciclismo"

E entrando en detalles falou de datos no inverno, cun razoamento evidente: "Temos pedida a data do 24 ao 27 de febreiro de 2022. Nesta data todos os equipos arrancan a tempada en España, de aí a razón. Queremos ter equipos ProTour para a Volta a Galicia, falamos con eles e encáixanlles esas datas. Fóra do que son as grandes voltas buscan difusión e boa produción tanto televisiva como de organización. O nome da Volta a Galicia vai cambiar. O que lle falta ao ciclismo de voltas dunha semana ou as clásicas é un pouco de innovación. Ao Tour e á Volta non lle fai falta, pero ás pequenas si. Creo que aquí virán equipos como Movistar, Education First, Bahrein..."

Non lle preocupan as supostas malas condicións do tempo nesas datas, máis que previsibles en Galicia: "As condicións climatolóxicas con estas datas fixéronme pensar moito durante a pandemia. Vai chover si, pero non vai haber peor tempo que nas clásicas como as de Bélxica ou a Volta ao País Vasco. Sería mellor en verán, pero primamos a participación sobre o clima"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso