Zona Mixta
Roberto Lago: "Lembro unha vez que quedei con Messi só na área e pensei: 'Espero non quedar retratado'"
Por Zona mixta pasou Roberto Lago, ex do Celta e do Xetafe que se enfrontou moitas veces a Messi: "O 100 % dos xogadores que nos enfrontamos a Messi como defensas, sufrímolo. A determinación, a plasticidade, o xeito de levar o balón pegado ao pé. É un xogador único. Que che dicía o adestrador no vestiario? Que non lle chegue o balón, como lle chegase o balón a Messi, era imposible paralo".
O defensa galego desfíxose en loanzas cara ao arxentino: "É o mellor xogador que viron os meus ollos. Ronaldo era moi competitivo, pero Messi intervén máis, faite sufrir máis, xoga polas 3 zonas de ataque... Ronaldo é un ansias e non se rende nunca, pero Messi é outra cousa. O mellor de Messi? Non ten nada malo. O seu pé esquerdo non o ten ninguén. Ten o balón e sempre mira para adiante. Co paso dos anos soubo reinventarse noutras partes do terreo de xogo e sendo sempre decisivo. Pode ir andando e estar pendente de todo e saber onde está cada compañeiro".
Lago contou dúas anécdotas que tivo co astro: "Co Xetafe quedei unha vez eu só con el na área... e nesas décimas de segundo tiven tempo de pensar: 'Deus me colla confesado, espero non quedar moi retratado. Amagoume tantas veces que nin sabía onde estaba o balón... pero non acabou en gol nin saíu nos especiais nin en prensa, así que menos mal. Nunha ocasión pedinlle a camiseta, díxome que si e logo esqueceuno. Pedinlle a un compañeiro del que coñecía eu que lla pedise e por suposto que ma deu... Non tiña nin por que acordarse... eses detalles de persoa son moi importantes tamén. Por certo, non atopo esa camiseta, agora que estiven de mudanza... creo que a perdín".
Ao preguntarlle se envexaba a algún defensa que puidese parar a Messi, tíñao claro: "Non lembro ningún xogador que secase a Messi os 90 minutos, sempre é determinante nun partido antes ou despois, un gol... unha asistencia... Aló onde vaia oxalá que siga brillando. Nin sequera se queixaba cando lle caían entradas duras, nese sentido Ronaldo tamén é así; non son de protestar agás qeu fose unha burrada de entrada. A algún defensa lle vai quedar a cabeza tranquila despois de perder de vista a Messi na Liga".