CRTVG

Buscar

Zona Mixta

David Pardavila, subcampión mundial de jiu-jitsu: "Nestes tempos as artes marciais son perfectas como válvula de escape"

06/04/2021 - 15:41 h

Hoxe pasou por 'Zona mixta' un dos dous subcampións galegos de Jiu-Jitsu na modalidade de parellas, David Pardavila, que nos contaba como o conseguiu xunto con Álex Álvarez, o seu compañeiro nas 'katas': "Adestróme con Álex desde os 13 anos no ximnasio Judo Club Coruña. Andamos polos 40 anos os dous e temos a sorte de contar coa preparación de Bernardo Romay. Facemos katas que son moi técnicas e requiren moitas repeticións. El axúdanos moito, quedamos por whatsapp para coincidir os tres e pulimos a técnica. Romay ten 70 anos e estivo un pouco pachucho, pero xa volveu ao ximnasio... el vaise xubilar cando nos xubilemos todos"

Así nos contaba como se chega a ser subcampión nunha modalidade virtual pola pandemia: "Fíxose de xeito virtual. Ti colgas o vídeo na plataforma e queda para puntuar por parte dos xuíces. Podes colgar ata tres vídeos. Mandas os tres mellores, claro. O proceso de votación foi lento porque fomos máis de 37 países. Había moito nivel. Na modalidade de dúo e dúo-show España é unha potencia. Os campións tamén foron españois. Levámonos moi ben, dábanos igual quen gañase ó final"

E preguntado pola pouca repercusión nos medios cando hai dous subcampións do mundo galegos, explicábao así: "Se a xente non te coñece, non existes nos medios. É difícil que se cubra todo, as artes marciais son minoritarias, agás o karate ou o judo. O jiu-jitsu brasileiro si que ten fama e eles saben facerlle moi boa propaganda, aínda non sendo olímpico. As artes marciais, máis que medallas danche todo: poñerte en forma, títulos, resultados... pero o importante é o compañeirismo. Os valores que transmite como a humildade, o respecto"

"As artes marciais son perfectas como válvula de escape, e máis nos tempos que corren", deste xeito o subcampión galego do mundo pechaba esta entrevista que nos deixa reflexionando.

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso