Zona Mixta
Falamos co pai de Adrián Ben tras o histórico 5º posto: "Sabendo como é el de competitivo, isto é só un paso máis"
Zona mixta foi ata Viveiro, que celebrou os 23 anos de Adrián Ben co agasallo dun quinto posto olímpico, o mellor resultado de todos os tempos dun español nos 800 metros. Alí falamos co seu pai, Antonio, e o seu adestrador de pequeniño, Pedro Esmorís.
Antonio Ben, xa máis calmo logo da carreira, analizaba a fazaña do seu fillo: "Agora estou moi tranquilo, aínda non puiden falar con Adri. Tanto puido quedar terceiro e coller medalla, como sexto, a cousa estivo en centésimas. Cada día facemos unha videochamada con el cando esperta da sesta aló en Xapón. Na de hoxe dixémoslle que gozase, non estaba nervioso, non se lle pode meter presión, el é así".
E chanceaba sobre se lle habían poñer unha estatua na localidade mariñá: "Non lle imos pedir unha estatua á alcaldesa para Adri en Viveiro, mira como está a de Pastor Díaz chea de cagadiñas de gaivota, non, non, mellor deixar a don Nicomedes como está que o ten ben merecido e leva moitos anos no posto".
Sobre o futuro inmediato, o xen competitivo vai ter moito que dicir: "Coñecendo a Adri, sei que vai ir por todas; isto é só un paso máis. Como dicía o Cholo, pasiño a pasiño, partido a partido. Estou canso de que se metan comigo polo tema dos xenes, eu ía para lanzador de peso eh, o que pasa é que non se deron as circunstancias".
E a continuación Pedro Esmorís falábanos dun mozo que xa apuntaba desde pequeno: "A Adri xa se lle vía desde neno que tiña moita ambición. Por desgraza non temos moito sitios para adestrar polo paseo de Covas. A ver se isto anima a quen teña as competencias para poñer non só pistas, senón tamén carrís bicis, canchas de tenis... o deporte non é gasto, é inversión. Adri empezou cuns 7 anos, pero á parte de atletismo facía de todo: balonmán, fútbol, o que lle botasen. Cando era pequeno polo xeito de correr e desenvolverse xa lles ves como adaptalos a unha ou outra modalidade. Pero no caso de Adri o factor psicolóxico é moi impotante, ten un entorno familiar moi estable e a cabeza moi amoblada. De cara a París igual vemos a Adri en 800 ou 1.500 metros. É un ciclo olímpico máis curto e igual nas próximas non, pero el ten feito moitísimos quilómetros, o atletismo é unha paixón para el... como se o pos en obstáculos".