CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Julen Guerrero: "Sempre fun home dun club. Hugo Mallo? É bo que os rapaces vexan que os clubs coidan os xogadores da casa"

03/12/2020 - 15:03 h

En Zona mixta tiveron a oportunidade de contar con alguén que sabe moito da canteira no fútbol español. É o actual seleccionador español sub-17, Julen Guerrero.

Falou do derbi deste venres e do rival do seu Athletic: "O labor do Celta coa canteira vai identificar máis os rapaces co club. Temos o exemplo de Aspas. Alégrome especialmente do debut este ano de Miguel Rodríguez, ao cal tiven eu na selección. Garitano hai quince días estaba máis discutido que agora e a aposta polos rapaces saíulle ben".

Un 'one club man', sempre do seu equipo, cun paralelismo en Vigo: "Eu fun sempre home dun só club. Pode ser o caso de Hugo Mallo, creo que para el a maior satisfacción sería seguir xogando no club da súa vida. Outra cousa é que busque minutos noutro lado. A clave está no club,que trate os xogadores desde a canteira con proximidade e cariño. O plus que ten o xogador da casa, ese esforzo de máis que necesites no equipo, non cho dan outros xogadores non canteiráns. Seguimos os xogadores galegos, claro, a pesar de que a división de honra en Galicia estivo parada. Nos últimos partidos o Celta sabe ao que xoga".

Sobre o seu pasado tamén falou o xornalista e adestrador: "Cada ano tiña unha oferta para marchar do Athletic, un cheque en branco, e non só porque era do Madrid. Pero sempre tiña a ilusión de seguir no club e o compromiso da afección. Sempre me sentín moi querido en Bilbao, ata agora mesmo cada vez que vou. Incluso a diario me amosan cariño na rúa".

Este ano o gran rival do Athletic de Bilbao, a Real Sociedad, está no máis alto: "Gañar a liga a Real Sociedad? Pode ser, é o ano en que a competición está máis aberta".

Julen é exxogador, xornalista, viticultor e adestrador, e con todas estas facetas goza: "Gozo de todo o que fago, estou moi orgulloso de ser xornalista e na selección animamos os rapaces a que collan os libros. E máis nestes tempos, hai que coidalo".

Falou tamén do gran estandarte celeste: "Creo que Luis Enrique non lle perde ollo a Aspas e creo que cando chegue o momento que considere, irá. Hai que respectar a decisión do seleccionador. Seguro que está na lista dos posibles dianteiros para a Eurocopa".

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso