Zona Mixta
Tere Portela gaña por fin a medalla olímpica e quere máis: "Non vou pechar o 'chiringuito', quero seguir con este soño"
Este 3 de agosto queda xa marcado na historia do deporte galego. Teresa Portela ten, por fin, a medalla olímpica que merecía. En Zona mixta conseguiron tela coa medalla colgada do pescozo e aínda moi emocionada pola prata: "Teño cansazo, pero estou supercontenta. Desde que remei a semifinal parece que pasaron 3 días e non horas, como así foi. O traballo acompañou o resultado. Neses 38 segundos non pensas máis que en non desequilibrarte, ía moito vento e xa é moito pensar. Ese golpe final de cintura practícase. Se sae ben, supón medalla, pero se sae mal pode ser quedar fóra".
E foi un triunfo con incerteza, aínda que ela amosouse convencida cando acabou de que estaba no podio: "Sufrín máis na semifinal porque tardaron en poñer os resultados. A pesar da espera dos resultados na final, estaba contenta e convencida da prata. Sabía que o dera todo. A final foi a repetición da semifinal, non sei os criterios que seguiron nas semis, eran moi desequilibradas".
E cales foron as repercusións deste fito en Galicia e a nivel persoal? Isto dicía a de Aldán: "Non son consciente da que montei en Galicia, aínda non o creo; non o teño asimilado. Para min a medalla non era unha obsesión, aínda que me encantou conseguila, claro. Non cambio toda a miña carreira deportiva por unha medalla, díxeno antes do que pasou hoxe. Ao final téñoa e estou feliz, claro. O K1 desaparece para as seguintes olimpíadas, pero eu non pecho o chiringuito. Encántame o meu deporte, adestrar, vou seguir con este soño. Non sinto que renunciei a vivir, cada un ten os seus hobbies e preferencias. Adestrar sempre me gustou, pero non tiña a necesidade de ir de festa cando era nova. Si que renunciei a iso, pero non era prioritario. Houbo sacrificio, pero era o que eu quería".