CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Roberto Rodríguez: "Suíza vive como colectivo. Se lle deixa xogar, España vai ter un problema"

02/07/2021 - 15:03 h

En 'Zona mixta' falaron con Roberto Rodríguez, irmán do único galego que vai estar no céspede de San Petersburgo no España-Suíza desta tarde: Ricardo Rodríguez.

Así contaba as súas orixes galegas: "O meu pai é galego, os tres temos o pasaporte. Temos familia de Crecente e estiven varias veces en Galicia, hai cinco anos foi a última vez que estivemos aló. O fútbol non nos deixa ir as veces que quereriamos. Eu agora estou rematando a miña carreira e adestrando no Zurich os xuvenís"

Sobre o seu irmán e a selección Suíza, fixo unha análise ben completa: "Ricardo ten moita confianza do adestrador e é un xogador moi importante na selección suíza. O erro do penalti de oitavos contra Francia non lle afectou. Fixo un partido moi bo e estivo moi concentrado, foi un dos mellores aínda que non metese o penalti. Ricardo é frío de natureza. Errou o penalti e seguiu xogando concentrado sen problema. Falei con el e só me dixo que o fútbol era así e que había que seguir. A primeira metade da tempada no Torino o pasado ano xogou ben e moito; cando cambiaron o adestrador case non xogou nada. Ten aínda tres anos de contrato e estamos mirando de saír de Italia. Xogar en España sería un soño para el. Ollo con Suíza, se a deixan xogar ao fútbol, España vai ter un problema. Suíza non ten medo de ninguén. Vive do colectivo, claro que ten calidade e individualidades. A posesión suponse que vai ser de España e sería un erro se non o fai. Suíza vai ter as súas opcións. Só xogaron mal contra Italia, no resto meteron goles e creo que a selección helvética vai facer un bo partido. España non é a de 2008-2012, pero se seguen así teñen un gran futuro"

Así relataba a repercusión deste feito histórico en Suíza: "Vai ser o partido máis importante do meu irmán na selección. Hai 67 anos que Suíza non estaba en cuartos de final. A xente celebra polas rúas. Xa está escrito na historia, o que vén será aínda mellor. Cando xoga España contra calquera equipo, tiro por ela, pero hoxe son de Suíza. Nacemos e vivimos aquí. Eu falo español, italiano, suízo, alemán, francés e inglés. Teño que aprender un pouco de galego, que se asemella ao portugués. A nosa avoa fai 90 anos este sábado en Crecente. Estamos desexando volver vela e regresar a Galicia"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso