CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Celta-Betis, Dépor-Huesca e Alcorcón-Lugo, esta fin de semana, no 'Galicia en goles'

02/07/2020 - 15:41 h

Superado o ecuador do final exprés da Liga, os equipos galegos continúan pelexando polos seus obxectivos. A falta de cinco xornadas, que se van desenvolver en quince días, o Celta e o Dépor están máis preto da permanencia, mentres o Lugo continúa na zona de descenso.

O sábado, desde as tres da tarde, Xoán Galán dirixe a primeira retransmisión da fin de semana, centrada no Celta-Betis, da Primeira División, que se vai disputar en Balaídos. A goleada encaixada en Mallorca provoca que o equipo vigués teña que garantir polo menos os puntos da casa para non pasar apuros.

O domingo, tamén a partir das tres, haberá sesión continua de fútbol de Segunda División A. En Riazor, o Deportivo recibe un candidato ao ascenso, o Huesca, mentres o Lugo visita a un equipo que tamén pelexa polo sexto posto, o Alcorcón.

Na fin de semana, ademais do fútbol, o programa atenderá o comezo da Liga ACT de traiñeiras, que escolleu A Coruña para a celebración das dúas primeiras bandeiras da temporada. O trofeo Infanta Helena de vela, tamén na cidade herculina, completa o calendario de deportes náuticos nesta primeira fin de semana do mes de xullo.

Galicia en goles chega como cada fin de semana a través da FM, TDT, a web radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España e polos altofalantes Alexa. Ademais, o partido Celta-Betis poden escoitalo mentres o ven pola canle GOL escollendo a canle de audio reservada polo operador televisivo.

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso