CRTVG

Buscar

Zona Mixta

X. L. Chantrero, coordinador RFGF: "Non presionamos nin coaccionamos en ningún momento o Areas para que xogase"

01/07/2021 - 15:41 h

En 'Zona mixta' quixeron coñecer a visión da RFGF sobre a polémica coa Cultural Areas polos positivos no seo do equipo e as acusacións vertidas no programa polo seu adestrador, José Antonio. Falaron co coordinador xeral, Xosé Luís Chantrero, para coñecer a súa visión: "Queremos aclarar que José Antonio, igual por falta de información, non coñecía todo o que pasou. Primeiro a solidaridade co Areas, que é o máis importante. Son situacións moi difíciles e hai que ter sensibilidade"

Así contaba o relato dos feitos: "Resumindo o que pasou, o Areas comunicou o positivo a pasada semana. Había dúas opcións por parte de Sanidade: corentena, como se fixo esta semana; ou como pasou a semana pasada, que Sanidade non pensaba nun alto risco de contaxio e convocou un cribado. Os dous equipos, Gran Peña e Areas estaban por xogar o partido. O sábado faltan resultados aínda das probas e decidimos esperar ao domingo pola mañá. Faltaba a mediodía un xogador e un membro do corpo técnico sen coñecer resultado. Ás dúas da tarde chéganos o negativo do xogador e só estaba pendente o resultado do técnico do club. Consultamos coa presidenta e o responsable covid do C. D. Cultural Areas e decídese xogar o partido. A RFGF non presionou en ningún momento nin nunca coaccionamos os equipos. Queremos que sempre se dilucide no campo o apartado deportivo. Non acabamos de entender as declaracións do adestrador do Areas, supoñemos que por unha falta de información"

E tamén desbotaba que daquel partido saísen os positivos posteriores: "En principio é imposible decretar causa-efecto dos contaxios que houbo a posteriori. Xa o sábado 26 hai outro positivo e o Areas volve cumprir o protocolo covid e comunícao rapidamente, por iso se paraliza a competición. O remate da Preferente Sur veremos cando podemos facela. Coa corentena do Areas ata o luns que vén hai que esperar; faráselles outra PCR e se dan negativo volverían xogar o domingo día 11 de xullo. Isto complica a historia porque estamos nun mes inhábil para moitos futbolistas. Non quixemos que se xogase esta mesma semana porque adulteraría a competición, teñen que xogar todos á vez. Confiemos que o domingo 11 poidamos rematar a Preferente Sur e coñecer os dous ascensos á Terceira"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso