CRTVG

Buscar

Zona Mixta

David Goldar: "Santi Mina verás como se desinfla no partido. Ademais el xa ten unha Copa, pode esperar por outra máis"

04/01/2021 - 15:27 h

Na previa da Copa do Rei entre Eivissa e Celta no Zona Mixta contaron cun xogador que coñece ben os dous equipos. Aos da illa, porque precisamente xoga agora alí. Trátase do galego David Goldar.

Para el foi unha alegría moi grande que o bombo emparellase os dous equipos: "Estamos con toda a ilusión do mundo. Para min a eliminatoria que máis me ilusionaba era co Celta. Teño amigos íntimos no equipo desde que eramos rapaces e manteño contacto con eles. Antes e despois poderei darlles unha 'aperta', pero durante o partido, nada".

Achegounos tamén ao seu equipo actual: "Coñecía o proxecto e a ambición do Ibiza UD, pero foi unha grata sorpresa. Traballan nunha liña totalmente diferente ao que vivira. Teñen un proxecto enfocado e o club non só está arriba, senón ben valorado no fútbol nacional. O estadio é moi bonito por localización e deseño. E aínda sendo sintético, co rego vai estar rápido e sen problemas de rodaxe do balón. É un campo bastante grande e, pese á situación sanitaria, se permite ir a 1.500 persoas. Móntase un espectáculo ben bonito. Entre a música, a megafonía e a xente vai ser algo novo para o Celta, que non está afeito a ver de novo o público nas gradas e sentir ese ambiente"

Tivo palabras para o seu ex equipo e os seus amigos alí: "Iago é o Celta, pero o equipo que saque Coudet vai ser competitivo ao máximo nivel. Igual mañá teño que marcar a Santi Mina, un dos meus mellores amigos, como Denis e Rubén. Desde que saíu a bóla non sabedes como son as mensaxes que nos intercambiamos. Van quentando o partido desde que saíu. É moi divertido o intercambio de mensaxes con eles. Non vos podo contar... Ese xeito que ten de correr e o forte que parece Santi Mina... logo verás como se desinfla... El xa ten unha Copa. Pode esperar por outra máis, pero gustaríame que o Celta algún día a gañase"

E acabou falando do grupo da 2ªB no que están os galegos, que considera moi potente e interesante desde fóra: "Estou pendente dos equipos nos que estiven. O Pontevedra CF sempre o foi desde pequeno, porque é a miña cidade e o meu pai era socio. Están facendo boa campaña e teñen bo equipo. A SD Compostela tamén me está gustando moitísimo, xogan moi ben e teñen grandes xogadores. Sigo o grupo, moi forte, tamén coa presencia do Dépor"

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso