CRTVG

Buscar

Destacados

Os líderes galegos valoran os resultados das eleccións municipais

27/05/2019 - 07:00 h

Os 34 edís que obtivo Ciudadanos en Galicia reuniranse esta tarde para decidir a política de pactos da formación. Nunha entrevista na Radio Galega, o secretario de organización autonómico, Laureano Bermejo, mostrouse satisfeito polo resultado na medida en que significa que o partido avanza en Galicia cada vez que hai un proceso electoral. Bermejo cualificou de "unha mágoa" que Ciudadanos non conseguise representación no Concello de Ferrol e asegurou que, con dous concelleiros, agarda ser unha forza decisiva na cidade de Ourense.

A líder do BNG, Ana Pontón, dixo no Galicia por diante que a recuperación da súa formación é imparable. Destacou os resultados das eleccións europeas, onde a formación nacionalista logrou duplicalo número de votos, e, nas municipais, coa maioría relativa de Miguel Fernández Lores en Pontevedra. Pontón apuntou, ademais, os bos resultados en Lugo, onde o Bloque podería cogobernar co PSOE, e a volta aos gobernos municipais de Vigo e Ourense. A voceira nacional do BNG amósase convencida de que tras o 26-M se abre un novo tempo político para Galicia.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualifica como históricos os resultados de onte. Segundo explicou no Galicia por diante, recibiu a felicitación do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, por ser o partido máis votado nas cidades e por consolidar as deputacións. Caballero afirma que os resultados de onte son un anticipo de que, dentro dun ano, os socialistas se farán co goberno da Xunta de Galicia.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado declárase insatisfeito cos resultados obtidos, especialmente nas cidades. Tellado lembra que o PP é a primeira forza política en Galicia, pero recoñece que "aspiraban a máis". Miguel Tellado salienta que en Ferrol, A Coruña e Lugo foron a primeira forza política, pero "está por ver que nos deixen gobernar". Asegura que a división do voto funcionou en contra do PP e que os votantes de Vox e Ciudadanos "puideron observar como o seu voto pode servir para que a esquerda continúe gobernando". Canto aos resultados na cidade de Ourense, Tellado afirma que "están abertos a falar sempre con todas as formacións políticas" e no que se refire á Deputación, asegura que, se non conseguen a maioría absoluta, "haberá que ver con quen se poderá cogobernar".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí